O PPdeG valora o retardo da dimisión de Paula Quinteiro

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que cada minuto que pasa sen que Paula Quinteiro presente a súa dimisión “é un minuto que nos acerca á dimisión de Luís Villares”. Así se expresaba logo de que a deputada de En Marea se negase a deixar o seu escano despois de que llo pedisen 800 militantes do seu partido, o 85% dos que participaron na consulta.

“Luís Villares xa demostrou non ter autoridade para facer cumprir os seus mandatos dentro do seu grupo e agora vai demostrar non ter autoridade nin para facer cumprir os mandatos da súa militancia”, dixo o número dous dos populares galegos, que avanzou que “se non o fai, non lle quedará máis remedio ca ser el o que deixe o seu escano no Parlamento, porque é imposible liderar a oposición en Galicia cando non se lidera nin sequera un grupo de 14 persoas”.

Ademais, Tellado remarcou que con esta situación volvemos aprender unha nova lección: “A nova política é intentar intimidar policías facendo uso da condición de deputado e despois aferrarse ao cargo aínda que os militantes pidan que se renuncie a el”.

TRES ANOS DE MANDATOS MUNICIPAIS
Por outra banda, lembrou que onte se cumpriron tres anos das eleccións municipais do ano 2015, uns comicios nos que o PPdeG acadou a metade de alcaldías da Comunidade, foi a forza máis votada en dous terzos dos concellos e obtivo aproximadamente a metade dos concelleiros en liza.

“Estes resultados, que no seu día vimos como decepcionantes, animáronnos a traballar desde ese mesmo momento para reforzar o noso proxecto en cada un dos 313 concellos galegos: xa sexa consolidando os lugares nos que gobernamos ou xa sexa constituíndonos como alternativa alá onde estamos na oposición”, apuntou Tellado.

Así mesmo, recordou que se hai un ano, ao cumprirse o ecuador dos mandatos municipais, os populares advertían que algunhas das cidades ían camiño de completar catro anos perdidos, un ano despois “pouco ou nada” cambiou nestas urbes galegas. “Nas cidades das Mareas de Podemos temos máis parálise, pero tamén máis amiguismo -pisos comprados a afíns e contratos a dedo a empresas de amigos-; en Lugo temos máis inacción e máis incapacidade para gobernar; en Vigo temos máis tiranía, máis camorrismo e un alcalde que demostrou ter serios problemas na xestión diaria, coma no caso da auga e no transporte metropolitano -con ambos temas xa xudicializados-; e en Pontevedra temos máis signos dun proxecto esgotado, que pide un cambio de rumbo”, lamentou.

Segundo Tellado, a única boa noticia de todo este tempo perdido é que xa só falta un ano para que os galegos poidan mudar esta situación e a única garantía de que isto suceda é apostar polo Partido Popular de Galicia, que xa demostrou ser o único proxecto serio, centrado e de maiorías que hai na nosa terra. “Falta un ano para que poidamos ter gobernos que rescaten ás cidades da parálise e da inacción, para que volvan ser o motor da Comunidade”, aseverou.

EXPLOSIÓN EN TUI
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, Miguel Tellado tamén expresou o maior dos afectos aos veciños de Tui e aos damnificados pola explosión sucedida na tarde do mércores. Ao respecto, tamén sinalou que malia que estas últimas horas vimos a nenos que perderon a seus pais e a familias que o perderon todo, tamén vimos á Galicia solidaria que sempre xorde cando hai unha desgraza ou cando un veciño necesita de axuda, “da que sempre nos sentimos orgullosos, porque representa os valores deste pobo e os valores que sempre queremos defender”.

Do mesmo xeito, felicitou á Xunta e ao resto de institucións pola súa rápida reacción ante este suceso, tanto pola coordinación do servizo de emerxencias como polo anuncio de axudas a disposición dos veciños nos casos nos que non cheguen os seguros. “Unha vez máis, e incluso nos momentos máis duros, cremos que é necesario celebrar que teñamos unha Administración coa sensibilidade e a axilidade necesaria para atender a quen máis o necesita e para cooperar con outras institucións, que se coloca a carón de quen o está pasando mal para ofrecer solucións aos seus problemas”, subliñou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar