Luciano Varela recibe a Medalla de Ouro da Irmandade Xurídica Galega pola defensa da lingua

O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acolleu a celebración da XI Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, á que asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. No curso da dita asemblea, incorporáronse 21 novos membros á Irmandade e o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela Castro recibiu a súa insignia de ouro, ademais de ser nomeado Irmandiño de Honra.

Na súa intervención, o secretario xeral de Política Lingüística gabou a traxectoria do homenaxeado “tanto no ámbito estritamente xurídico como no do compromiso pola extensión da lingua galega a este espazo” e mostrou a súa satisfacción “polo feito de que a Irmandade Xurídica Galega vexa incrementado nada menos que en 21 o número dos seus membros, que coa súa adhesión á Irmandade se comprometen coa promoción da lingua propia de Galicia no ámbito do Dereito”.

Xunto a Valentín García compartiron a mesa presidencial Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega;  Antonio López, reitor electo da Universidade de Santiago; Xosé Xoán Barreiro Prado, maxistrado; Consuelo Castro Rei, avogada do Estado; Celsa Muñoz Leira, prouradora; e Xosé Antón Gómez Segade, catedrático xubilado de Dereito Mercantil. Interviñeron ademais o avogado do Estado Benito Montero Prego, encargado de facer a louva do maxistrado homenaxeado, e o propio Luciano Varela, quen agradeceu a distinción.

Luciano Varela Castro (Pontevedra, 1948) é maxistrado do Tribunal Supremo. A Irmandade Xurídica Galega acordou concederlle a súa insignia de ouro e nomealo Irmandiño de honra, tal e como se recolle nas actas de reunión da entidade, “polos moitos méritos que nel concorren na defensa do idioma galego, que se concretan na emisión de sentenzas, codirección do Dicionario xurídico galego e a formación de opositores a xudicaturas co seu compañeiro tamén maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, creadores dunha escola de xuristas preocupados pola nosa identidade cultural e lingüística”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar