Pleno Deputación Ourense: Máis transparecencia nos grupos políticos

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria de hoxe, correspondente ao mes de maio, unha iniciativa que achegará maior transparencia aos grupos políticos no ámbito económico, en relación as asignacións que lles corresponden e a súa contabilidade, que deberá ser posta a disposición do pleno da corporación cando que se solicite. Neste sentido, o plenario aprobou a modificación da base 67ª das bases de execución do orzamento da institución en materia de asignacións aos grupos políticos da Deputación, para unha maior transparencia dos mesmos.

Por outra banda, a corporación provincial tamén aprobou as bases reguladoras do Programa de cooperación “BenOurense Infancia” para a concesión de axudas a puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios das entidades locais para o exercicio 2018, para o cal a Deputación de Ourense destina un orzamento total de 250.000 euros. Este programa contempla dúas accións: os puntos de Atención á Infancia (PAI) situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, e os Servizos Municipais Complementarios, polo que a Deputación subvencionará os gastos de funcionamento daqueles servizos de titularidade municipal que, en xornada diúrna, desenvolven funcións de apoio de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

APROBACIÓN INICIAL DA MODIFICACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DOS PREZOS PÚBLICOS POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS E REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DO PAZO DOS DEPORTES PACO PAZ

Acordo:

1º. Aprobar a modificación da Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación de servizos e a realización de actividades no Pazo dos Deportes Paco Paz e outras instalacións deportivas, no sentido seguinte:

a) Modifícase a denominación da ordenanza, eliminándose a referencia a “outras instalacións deportivas”

b) Modifícase o artigo 1, que queda redactado do seguinte modo:

Artigo 1º.- De conformidade co previsto na vixente lexislación reguladora das facendas locais, esta Deputación establece os prezos públicos pola prestación de servizos e a realización de actividades no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

c) Modifícase o artigo 2, que queda redactado do seguinte modo:

Artigo 2º.- Están obrigados ó pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza, tódalas persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades sen personalidade xurídica a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, que sexan beneficiarias dos servizos ou da realización de actividades no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

d) Modifícase o artigo 5, que queda redactado do seguinte modo:

Artigo 5º.- A Xunta de Goberno poderá conceder bonificacións nas tarifas por utilización do pavillón auxiliar e o pavillón principal, previa solicitude dos interesados, cando concorran as seguintes circunstancias:

Que a actividade para a que se van utiliza-las instalacións teña un claro carácter de interese público, social, cultural ou deportivo, non podendo tratarse, en ningún caso, dunha actividade susceptible de reportar un beneficio económico ó solicitante.

O carácter de interese público, social, cultural ou deportivo, virá ponderado polas seguintes circunstancias que servirán de criterios de valoración para a concesión da porcentaxe das bonificacións correspondentes:

– Condicionantes económicos da entidade provenientes da análise do seu presuposto ou liquidación de gastos e ingresos, dando maior puntuación canto máis racional sexa e canto máis contribución exista de fondos propios e axudas privadas.

– Cando se trate de solicitude para uso de instalación ao longo da temporada deportiva, valoraranse os anos de antigüidade utilizando o Pazo dos Deportes, dando máis puntos canto máis antiga sexa a súa presenza na instalación. Cando se trate de actividade puntual, valorarase a idoneidade e especial consideración, a tal fin, do Pazo dos Deportes, dando máis puntos canto máis adecuada sexa a instalación para a actividade de que se trate.

– Categoría deportiva dos deportistas para os cales solicita a bonificación e categoría da competición. Puntuarase máis alta a presenza de máis equipos e deportistas de base, de mulleres e a presenza de colectivos desfavorecidos .Tamén se outorgará unha puntuación máis alta canto máis importante sexa a categoría da competición.

– Outras especiais circunstancias, razoadas de maneira motivada, que redunden en beneficio do Pazo dos Deportes e dos seus usuario, ou que supoñan un claro interese público ou social da actividade.

Anualmente, ao comezo da temporada deportiva, a Xunta de Goberno realizará unha convocatoria pública para a solicitude e concesión de bonificacións. O acordo de convocatoria incluirá unhas bases reguladoras, nas que se definirán os prazos de presentación de solicitudes, a documentación que debe presentarse e os lugares e condicións para a súa presentación, concretándose ademais os criterios de valoración no marco do establecido na presente ordenanza.

A convocatoria poderá establecer prazos diferenciados de presentación de solicitudes para o uso continuado de instalacións ao longo da temporada deportiva e para a solicitude de bonificacións para a realización de actividades puntuais.

A convocatoria publicarase no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación Provincial. Adicionalmente poderá publicarse noutros medios de difusión, así como remitirse avisos por correo electrónico ás entidades deportivas usuarias do Pazo dos Deportes Paco Paz que figuren na base de datos de terceiros do Servizo de Deportes.

Previos os informes oportunos, a Xunta de Goberno graduará a porcentaxe da bonificación que conceda en función dos criterios de valoración indicados anteriormente e acreditados polo solicitante, podendo acadar con carácter extraordinario o 100% das tarifas establecidas.

Excepcionalmente, o Pleno da Deputación poderá regular, sen suxeición ás regras xerais establecidas nesta ordenanza, e mediante convenios de carácter plurianual, o uso das instalación do Pazo dos Deportes Paco Paz por parte de entidades deportivas cuxa actividade poida considerarse de marcado interese xeral para a provincia.

Os convenios de uso das instalacións preverán en todo caso as contraprestacións a que se obriguen as entidades beneficiarias, que non terá porque ter un contido económico, pero si supoñer un beneficio social ou deportivo para a provincia, preferentemente vinculado ao fomento do deporte de base.

e) Modifícase o artigo 6, que queda redactado do seguinte modo:

Artigo 6º.- Poderá esixirse ós usuarios do pavillón auxiliar, pavillón principal e a constitución dun depósito ou garantía para responder dos posibles danos ou estragos no uso das instalacións, sendo este devolto ó comprobarse que non se causase dano ningún. En todo caso, establécese unha fianza para clubs, con reserva de instalación por temporada deportiva, de cen euros (100 €), que lles será devolta ó finaliza-la temporada.

f) Modifícase o artigo 9, que queda redactado do seguinte modo:

Consonte ao sinalado no artigo 47 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, delégase na xunta de goberno provincial a fixación e/ou modificación das tarifas resultantes da liquidación dos prezos públicos pola aplicación da presente Ordenanza.

A Xunta de Goberno poderá establecer tarifas diferenciadas para usuarios que pertenzan a colectivos precisados de especial protección ou que sexan obxecto de políticas de fomento da práctica deportiva, así como establecer tarifas bonificadas nos supostos de unidades familiares ou mediante o sistema de bonos para a utilización das instalacións e servizos durante períodos de tempo predeterminados.

En todo caso, as ditas tarifas deberán cubrir como mínimo o custe dos servizos prestados ou da actividade realizada, conforme establece o artigo 44.1 do Texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais. A tal efecto, a proposta de fixación de tarifas deberá acompañarse dun informe económico que xustifique este extremo.

Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 44 .2 do Texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, a Xunta de Goberno poderá establecer tarifas por debaixo do custe dos servizos ou actividades, cando aprecie de xeito motivado a existencia de razóns sociais, benéficas ou de interese público que o aconsellen.

g) Modifícase o artigo 13, que pasa a denominarse Disposición final, quedando redactada do seguinte modo:

Disposición final.- A presente ordenanza entrará en vigor o 1 de setembro de 2018, unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e sempre que transcorreran os prazos establecidos no artigo 65.2 da Lei de bases do réxime local.

2º. Someter a modificación da ordenanza ao trámite de información pública e audiencia dos interesados, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, polo prazo de trinta días hábiles, mediante anuncio que se publicará no BOP, realizándose tamén a pertinente publicación no taboleiro de edictos e na sede electrónica da Corporación. Durante o expresado prazo poderán presentarse as reclamacións e suxestións que se estimen oportunas, as cales serán resoltas pola corporación co acordo de aprobación definitiva da modificación da ordenanza, se procedese. No caso de que non se presentasen reclamacións ou suxestións entenderase elevado a definitivo o presente acordo de aprobación inicial.

APROBACIÓN INICIAL DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLA PARTICIPACIÓN EN PROCESOS DE SELECCIÓN DE PERSOAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Acordo:

1º) Acordar a imposición da taxa pola participación en procesos selectivos de persoal da Deputación Provincial de Ourense, aprobando inicialmente a Ordenanza fiscal reguladora da dita taxa, co seguinte contido:

Artigo 1. Obxecto e fundamento.

1. A presente ordenanza fiscal ten por obxecto a regulación da taxa pola participación en procesos selectivos de persoal da Deputación Provincial de Ourense.

2. A imposición da taxa regulada na presente ordenanza fiscal se realiza no exercicio da potestade tributaria recoñecida ás provincias polos artigos 133.2 e 142 da Constitución española e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, de conformidade co disposto nos artigos 15 a 27 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais

Artigo 2. Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa por participación en procesos selectivos de persoal a realización da actividade administrativa de xestión dos procesos de selección de persoal laboral e funcionario da Deputación Provincial de Ourense, incluídos os procesos de selección de persoal laboral temporal ou funcionario interino, en calquera das súas modalidades.

Para estes efectos considérase como un proceso selectivo independente o que teña por obxecto seleccionar persoal para unha ou varias prazas ou postos de traballo correspondentes a unha única categoría profesional e mediante un proceso de valoración diferenciado, realizado por un único órgano de valoración. A participación en cada proceso selectivo constituirá un feito impoñible independente, determinando a devindicación da taxa, aínda cando os diferentes procesos selectivos se realicen ao abeiro dunha única convocatoria.

Non terá a consideración de proceso selectivo independente para estes efectos, o que se realice para a selección de persoal para varias prazas ou postos de traballo da mesma categoría profesional en diferentes zonas da provincia, salvo que os ditos procesos esixan unha valoración diferenciada por órganos de valoración distintos.

Artigo 3. Suxeitos pasivos.

Serán suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas que soliciten a participación como aspirantes nos procedementos selectivos aos que se refire o artigo 2.

Artigo 4. Devindicación.

A devindicación da taxa producirase no momento da solicitude de inscrición como aspirante nos procedementos selectivos.

O pagamento da taxa conforme co establecido no artigo 6 da presente ordenanza será requisito para a admisión no proceso selectivo de que se trate.

Artigo 5. Cota tributaria.

A cota tributaria consistirá nunha tarifa fixa determinada en función do grupo ou subgrupo de titulación esixido para o desempeño da praza ou posto de traballo convocado.

As tarifas fixas aplicables serán as seguintes:

Grupo A, subgrupo A1

19 €

Grupo A, subgrupo A2

17 €

Grupo B

16 €

Grupo C, subgrupo C1

15 €

Grupo C, subgrupo C2

13 €

Agrupacións profesionais sen requisito de titulación

10 €

Artigo 6. Normas de xestión.

1. A taxa regulada nesta ordenanza esixirase en réxime de autoliquidación.

A autoliquidación realizarase no impreso normalizado que se facilitará aos interesados nas oficinas do Servizo de Recursos Humanos e na sede electrónica da Deputación. Con este impreso o interesado realizará o ingreso en calquera das entidades bancarias colaboradoras que se indiquen na autoliquidación ou a través da pasarela de pagos da sede electrónica da Deputación Provincial.

O pagamento deberá realizarse durante o prazo de presentación de instancias, debendo achegarse o duplicado da autoliquidación pagada coa solicitude de participación no proceso selectivo.

Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, admitirase o pagamento realizado no prazo de dez días hábiles de emenda de solicitudes.

2. A devolución das taxas só procederá nos seguintes supostos:

a) Cando o interesado non chegue a participar en ningunha das probas do proceso selectivo por causas que non lle sexan imputables.

b) Nos supostos en que a Administración desista da resolución do proceso selectivo.

Non procederá a devolución da taxa nos supostos de exclusión do procedemento por causas imputables ao/á interesado/a.

3. A devolución das taxas realizarase de oficio ou a instancia dos interesados.

Artigo 7. Exencións e bonificacións.

1. Estarán exentos de pago da taxa as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 % e as persoas acrediten atoparse en situación de desemprego como parados de longa duración.

2. As persoas que formen parte dunha familia numerosa gozarán dunha bonificación do 50%.

3. Para a aplicación dos beneficios fiscais previstos neste artigo, os interesados deberán xustificar as circunstancias concorrentes, mediante a oportuna documentación, no momento da presentación da solicitude de inscrición no correspondente procedemento, nos termos que especifiquen as bases reguladoras de cada procedemento selectivo.

Para estes efectos, será de aplicación o establecido no artigo 28.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, en canto a obtención da dita documentación por parte da propia Deputación de Ourense.

Artigo 8. Infraccións e sancións tributarias

En todo o relativo a infraccións e sancións tributarias serán de aplicación as normas establecidas na Lei xeral tributaria e nas normas regulamentarias que a desenvolven.

Disposición Final

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

2º) Someter a información pública o presente acordo, por prazo de trinta días hábiles, mediante anuncios que se publicarán no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de anuncios da Corporación e na sede electrónica, así como nun dos diarios de maior difusión da provincia. O prazo de trinta días hábiles computarse dende a publicación do anuncio no Boletín Oficial. Durante o dito prazo, os interesados poderán examinar o expediente e presentar as reclamacións que consideren oportunas. As reclamacións serán obxecto de resolución expresa polo Pleno da Deputación, mediante o acordo de aprobación definitiva da ordenanza. No caso de que non se presenten reclamacións en prazo, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial, procedéndose á publicación do texto íntegro da ordenanza no Boletín Oficial da Provincia para a súa entrada en vigor.

APROBACIÓN DEFINITIVA DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA BENOURENSE INFANCIA PARA O EXERCICIO 2018

Acordo:

1º.- Aprobar definitivamente as bases reguladoras do Programa de cooperación BenOurense Infancia para concesión de subvencións a puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios das entidades locais para o exercicio 2018, co seguinte contido:

I.- Bases xerais.

A) Obxecto da subvención:

Constitúe o obxecto destas bases a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación Provincial de Ourense, para a tramitación e concesión de subvencións do Programa “BenOurense Infancia” en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de Atención a Primeira Infancia (PAI)”, e/ou dos “Servizos Complementarios”.

O presente programa contempla dúas accións:

1º) Acción I: Punto de Atención á Infancia (PAI).

Para os efectos das presente convocatoria enténdese como PAI aqueles establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos, que teñen por finalidade prestar apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos e nenas entre 3 meses e 3 anos e que se encontran regulados polo Decreto 329/2005, do 28 de xullo.

Exceptúanse aqueles servizos xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que poida substituíla.

2º) Acción II: Servizos Complementarios Municipais.

Para os efectos desta convocatoria, enténdese como servizo complementario, aqueles servizos de titularidade municipal, que por xestión directa ou indirecta e en xornada diúrna, desenvolven funcións de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas entre 3 e 12 anos actuando como soporte e apoio as familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.

B) Beneficiarios.

Poderán obter subvención os seguintes:

1. Acción I: os PAIs daqueles concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia de Ourense non xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que a substitúa.

2. Acción II: as corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, da provincia de Ourense, que conten cun centro que reúna as seguintes condicións:

  • Que teñan en funcionamento un servizo complementario da súa titularidade, xestionada de forma directa ou indirecta, que organicen o coidado dos nenos e nenas no seo dun grupo coa finalidade de contribuír ao seu benestar e favorecer a conciliación laboral e familiar mediante a garda e custodia dos menores, funcione baixo un calendario coñecido e sistemático, con reserva de praza previa e un sistema regulado de cobertura destas prazas.

  • Que estes centros presten servizos, cando menos, 5 días da semana durante nove meses ao ano, coa finalidade de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais/mais ou representantes legais dos nenos, excepto aqueles días sinalados como festivos no calendario laboral.

Quedan expresamente excluídos de esta consideración servizos exclusivos de ludoteca, actividades de formación/capacitación complementarias á escolar e desenvolvidas no curso escolar (actividades extraescolares), actividades deportivas ou de ocio realizadas polo concello durante o curso escolar, e outras de natureza análoga ás anteriores.

C).- Procedemento de adhesión dos concellos.

Ao abeiro do establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no artigo 14.2, a presentación de solicitudes tramitarase exclusivamente mediante o uso de medios electrónicos, sendo obrigatoria a presentación de solicitudes por vía telemática de conformidade co previsto nesta base.

Os concellos interesados en participar deberán comunicar a súa adhesión á Deputación Provincial, mediante resolución da alcaldía (ou órgano delegado, se é o caso), na que se manifeste expresamente a asunción das obrigas e compromisos previstos no Programa, para o que deberán utilizar obrigatoriamente os modelos facilitados pola Deputación e que deberán ser descargados na aplicación informática http://benourense.depourense.es/pai/index.php

O prazo de presentación da adhesión será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao desta publicación. A comunicación da adhesión asinaraa dixitalmente o alcalde, presidente ou secretario da entidade local e presentarase no Rexistro da Deputación de Ourense. Non se admitirá ningunha solicitude de adhesión formulada en data posterior.

A Deputación Provincial poderá conceder un prazo de ata 10 días hábiles para a corrección de deficiencias nas solicitudes de adhesión.

A presentación da solicitude telemática en tempo e forma determinará a adhesión da entidade local, sen necesidade de máis trámites. En todo caso, mediante resolución da Presidencia denegarase a adhesión a aquelas entidades cuxa solicitude non se axuste ao establecido no presente Programa ou modelo de adhesión.

A adhesión das entidades locais beneficiarias constitúe un requisito de efectividade do Programa, polo que as entidades locais que non se adhiran no prazo sinalado no parágrafo anterior entenderase que renuncian a participar no programa, causando baixa nas previsións. Neste suposto, os remanente de cofinanciamento previsto para cada acción que non fora utilizado, incrementará o importe do cofinanciamento destinado a cada unha das accións obxecto de subvención, distribuíndose o remanente entre as entidades adheridas conforme aos criterios establecidos nas regras de distribución das base II e III respectivamente.

D) Réxime xurídico das subvencións de asistencia económica previstas no presente programa.

De conformidade co establecido na disposición adicional 8ª da Lei xeral de subvencións e no artigo 10 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Ourense, as subvencións de asistencia económica previstas no presente programa rexeranse polo establecido nas presentes bases, sendo as normas da Lei xeral de subvencións e da dita ordenanza de aplicación supletoria.

Non obstante o anterior, serán de aplicación as normas xerais das subvencións da Deputación en todo o relativo á xustificación, reintegro, perda do dereito á subvención e control financeiro, no que non contradiga expresamente o establecido nas presentes bases.

E) Tramitación das subvencións previstas neste Programa. Xustificación e pagamento. Reintegro e perda do dereito ao cobro.

As subvencións previstas no presente Programa entenderanse automaticamente concedidas ás entidades locais adheridas conforme coa base B), procedéndose á súa xustificación e pagamento nos seguintes termos:

E.1) Pagamento anticipado do 80% sobre o máximo de subvención previsto para cada concello.

Antes do 30 de xuño de 2018, a Deputación Provincial procederá, de oficio, ao libramento do 80% do importe máximo de subvención previsto a cada concello. O importe restante librarase unha vez realizada a xustificación final por parte da entidade local.

E.2) Xustificación e pagamento final.

Ata o 15 de decembro de 2018 (inclusive) as entidades locais beneficiarias poderán presentar unha certificación de xustificación do Programa Subvencionado e os gastos dela derivados da forma telemática e asinada dixitalmente segundo os formularios que lle indique a Área de Benestar da Deputación a través da plataforma informática http://benourense.depourense.es. O prazo de presentación da xustificación final terá carácter improrrogable, agás causa debidamente xustificada. En todo caso, a prórroga deberá solicitarse antes do día 15 de decembro de 2018 e poderase conceder sempre que se aprecie causa xustificada, como máximo ata o 15 de xaneiro de 2019. En ningún caso se concederá prórroga para o prazo vencido.

As entidades deberán xustificar a execución do(s) proxecto(s) subvencionado(s) durante o exercicio 2018, facendo uso dos formularios normalizados que se deberán obter, cubrir, validar e imprimir dende a plataforma http://benourense.depourense.es. Os formularios conteñen:

  • Memoria da execución do proxecto subvencionado.

  • Relación de documentos xustificativos dos gastos devindicados. No caso de presentarse facturas admitiranse as facturas completas ou simplificadas sempre que conste nelas o CIF do destinatario/a.

  • Certificación expedida polo órgano competente da entidade beneficiaria da realización dos gastos correspondentes ao proxecto.

  • Declaración responsable do conxunto de todas as subvencións e axudas percibidas para a mesma finalidade, sexan públicas ou privadas.

  • Declaración das medidas de difusión da subvención concedida.

En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais e os gastos de procedementos xudiciais. Polo exposto, a xustificación non poderá incluír os referidos gastos. Os gastos estarán referidos única e exclusivamente á anualidade 2018, obxecto da presente convocatoria.

A solicitude da Intervención da Deputación Provincial, poderán esixirse aqueles documentos ou xustificantes complementarios que, motivadamente, se consideren oportunos para unha fidedigna acreditación da realización do gasto. Igualmente, a Intervención da Deputación poderá realizar funcións de inspección e control financeiro das entidades beneficiarias, de conformidade co establecido na Lei 9/2007.

No caso daquelas entidades que imputen á subvención gastos de Seguridade Social do persoal contratado para desenvolver o proxecto admitirase ata o día 15 de xaneiro de 2019 a documentación probatoria do aboamento de cotas á Seguridade Social.

A Xunta de Goberno declarará a perda do dereito ás subvencións non xustificadas en prazo, total ou parcialmente, segundo proceda.

E.3) Compatibilidade con outras axudas ou subvencións públicas.

Estas axudas serán incompatibles con calquera outra axuda ou subvención outorgada pola Deputación de Ourense para a mesma finalidade e igual exercicio orzamentario.

E.4) Obrigas de reintegro e perda do dereito a cobro.

A Deputación Provincial poderá declarar a obriga de reintegro ou a perda do dereito ao cobro da subvención, segundo proceda, por calquera das causas previstas na lexislación xeral de subvencións e nas bases do presente programa. Non obstante o anterior, non será necesaria a tramitación do expediente de reintegro ou de perda do dereito a cobro nos supostos en que o importe dos gastos xustificados polas entidades locais beneficiarias sexan inferiores ás contías iniciais máximas das subvencións previstas no presente programa. Neste supostos, a cantidade que deberá aboarse reaxustarase automaticamente segundo proceda, compensándose co anticipo librado, de ser o caso.

F) Control financeiro das subvencións.

Sen prexuízo das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios, as actuacións de prestación de servizos sociais comunitarios das entidades locais adheridas que constitúen o obxecto das subvencións previstas no presente Programa quedarán suxeitas ás actuacións de control financeiro que poida acordar a Intervención da Deputación, ao longo dos exercicios 2018 e 2019. O control financeiro incluirá actuación de supervisión e control das actividades subvencionadas, tanto no relativo a prestación dos servizos como á súa xestión e tramitación administrativa. Os controis serán realizados por persoal da Área de Benestar, baixo a dirección da Intervención provincial, conforme co establecido na Lei xeral de subvencións e, en función dos seus resultados, poderá dar lugar á apertura de expediente de reintegro no suposto en que ao seu través se detectase a concorrencia dalgunha das causas legais de reintegro previstas na lexislación vixente.

O sometemento a control financeiro das entidades adheridas ao programa poderá ter carácter xeral para todas elas ou ben limitarse a unha mostra aleatoria de cando menos tres entidades, que serán determinadas mediante sorteo realizado en acto público, cuxa celebración se anunciará coa debida antelación na sede electrónica da Deputación Provincial. O resultado do sorteo e o inicio das actuacións de control financeiro comunicarase ás entidades afectadas cunha antelación mínima de quince días naturais respecto da data do inicio das actuacións inspectoras. En todo caso, a Intervención provincial daralle conta á Presidencia tanto da decisión de someter a control financeiro o programa como do contido das actuacións realizadas.

G) Obrigas de información e publicidade das entidades locais adheridas.

Con independencia da obriga de sometemento ao control financeiro previsto na base xeral anterior, as entidades locais adheridas ao presente programa estarán obrigadas a:

1.- Facilitarlles aos servizos da Deputación Provincial toda a información relativa ao funcionamento dos servizos sociais municipais obxecto de subvención, que se lles demande. A negativa a facilitar esta información, ou a demora inxustificada no seu envío, dará lugar á exclusión da entidade local do presente Programa, coa conseguinte perda do dereito a cobro ou reintegro, segundo proceda, das subvencións percibidas ou concedidas ao seu abeiro, a cal será obxecto de declaración pola Presidencia da Deputación, tras a tramitación previa do oportuno expediente contraditorio con audiencia da entidade interesada.

2.- A identificar os servizos cofinanciados pola Deputación de Ourense. Transcorridos quince días dende esta publicación remitirase telematicamente á Deputación de Ourense fotografías nas que conste a identificación do servizo/persoal como cofinanciado pola Deputación e que responderá ás normas de información e publicidade que se farán chegar pola Deputación de Ourense para que sexan observadas polas entidades que se adhiran a estes programas. O incumprimento das obrigas de publicidade dará lugar ao reintegro ou perda do dereito ao cobro da subvención, con carácter parcial, e ata un importe do 20 % da subvención concedida, determinándose de conformidade co principio de proporcionalidade e en atención á gravidade do incumprimento comprobado. A declaración da obriga de reintegro ou da perda do dereito ao cobro da subvención realizarase por resolución da Presidencia da Deputación, tras a tramitación previa do oportuno expediente contraditorio con audiencia da entidade interesada.

II) Bases relativas á Acción 1: Puntos de Atención á Infancia (PAI).

II.1 Obxecto

En virtude desta actuación a Deputación Provincial subvencionará o funcionamento do Puntos de Atención á Infancia (PAI) situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos, que teñen por finalidade prestar atención de apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos e nenas entre 3 meses e 3 anos e que se encontran regulados polo Decreto 329/2005, do 28 de xullo.

A través deste Programa a Deputación subvencionará gastos de persoal, gastos inherentes os servizos prestados dentro do PAI/ derivados (alimentación, equipamentos de comedor etcétera) e gastos de mantemento do centro.

Para as subvencións concedidas nesta acción resérvase crédito na aplicación 231.11/462.01 do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018 por importe de 125.000 € (cento vinte e cinco mil euros).

II. 2 Contía da subvención.

O importe da subvención relaciónase da forma seguinte:

  1. Contía de tramo fixo, equivalente ao 80% do orzamento total previsto para esta Acción I, dividirase entre o número de PAIs que cumpran as condicións indicadas nestas bases para poder acceder á subvención que percibirán un tramo económico fixo.

100.000 € / núm. de PAIs que cumpren requisitos para subvención = Contía económica por PAI- Tramo fixo.

  1. Contía de tramo variable, equivalente ao 20% do orzamento total previsto para esta Acción I, dividirase entre o número de prazas totais, cubertas polo conxunto de PAIs que cumpran as condicións indicadas nestas bases para acceder á subvención, que percibirán a contía económica que resulte de multiplicar o resultado da división anterior polo número concreto de prazas cubertas en cada un dos PAIs, da forma seguinte:

25.000 € (20% de 125.000€) / núm. Total de prazas cubertas polos PAIs = Contía económica por praza.

Contía económica por praza X núm. de prazas cubertas do PAI = contía económica total que percibirá cada PAI.

III. Bases relativa á Acción II. Servizos municipais complementarios.

III. 1 Obxecto.

En virtude desta acción, a Deputación subvencionará os gastos inherentes ao funcionamento daqueles servizos de titularidade municipal que, en xornada diúrna, desenvolven funcións de apoio de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares e complementaria desta para nenos e nenas entre 3 e 12 anos actuando como soporte e apoio as familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.

A través deste Programa a Deputación subvencionará gastos de persoal, gastos inherentes aos servizos prestados dentro do servizo complementario (alimentación, equipamentos de comedor, etc) e gastos de mantemento do centro, no caso de xestión indirecta do servizo ao importe da factura xerado ao concello pola empresa que desenvolve o servizo.

Para as subvencións concedidas nesta acción resérvase crédito na aplicación 231.11/462.01 do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018 por importe de 125.000 € (cento vinte e cinco mil euros).

III.2. Contía da subvención.

  1. Contía de tramo fixo, equivalente ao 70% do orzamento total previsto para esta Acción II, dividirase entre o número de servizos complementarios que cumpran as condicións indicadas nestas bases para poder acceder á subvención que percibirán un tramo económico fixo.

87.500 € / núm. de servizos complementarios que cumpren requisitos para subvención = Contía económica por servizo complementario- Tramo fixo.

  1. Contía de tramo variable, equivalente o 30% do orzamento total previsto para esta Acción II, dividirase entre o número de prazas totais, cubertas polo conxunto de servizos complementarios que cumpran as condicións indicadas nestas bases para acceder á subvención, que percibirán a contía económica que resulte de multiplicar o resultado da división anterior polo número concreto de prazas cubertas en cada un dos servizos complementarios, da forma seguinte:

37.500 € (30% de 125.000€) / núm. total de prazas cubertas polos servizos complementarios = Contía económica por praza.

Contía económica por praza X núm. de prazas cubertas do servizo complementario = contía económica total que percibirá cada servizo complementario.

IV. Dispoñibilidades orzamentarias.

As subvencións obxecto da presente convocatoria intégranse na liña de acción do Programa provincial de asistencia aos concellos e mancomunidades para a xestión de Puntos de Atención á Infancia, contemplada no apartado D.1 do Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE para o exercicio 2015-2019, plan de acción V.

Para as subvencións concedidas nesta convocatoria resérvase crédito na aplicación 231.11/462.01 do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018 por importe de 250.000 € (douscentos cincuenta mil euros).

2º.- Ordenar a publicación das bases do citado programa no BOP e na sede electrónica da Deputación.

MODIFICACIÓN DA BASE 67ª DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO DA DEPUTACIÓN EN MATERIA DE ASIGNACIÓNS AOS GRUPOS POLÍTICOS

Acordo:

1º.- Modificar o apartado c) da base 67ª das bases de execución do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense, quedando redactada como segue:

Base 67ª

c) Asignacións aos grupos políticos na corporación:

1.- De conformidade co artigo 73.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e o artigo 13 do Regulamento orgánico da Deputación Provincial de Ourense, recóllese a disposición no orzamento anual dunha dotación económica que se destinará aos Grupos Políticos con representación na corporación provincial, co obxecto de atender aos seus gastos de funcionamento. Estas asignacións teñen os seguintes importes:

– Un compoñente fixo: 900,00 euros mensuais a cada grupo.

– Un compoñente variable: 900,00 euros mensuais por cada deputado.

Os grupos terán dereito ao uso dun local no Pazo Provincial, dotado de mobiliario e enerxía eléctrica. Os restantes gastos de funcionamento, tales como material de oficina e gastos de teléfono e de correspondencia, serán de conta de cada grupo. No caso dos gastos telefónicos e de conexión a internet, de ser estes soportados pola Deputación, deducirase a súa contía nas sucesivas liquidacións mensuais da subvención ao grupo.

O artigo 73 de la LRBRL limita o destino destas asignacións, non podéndose destinar estas ao pagamento de remuneracións de persoal de calquera tipo ao servizo da Corporación ou á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos de carácter patrimonial.

Terán a consideración de gastos subvencionables as achegas realizadas desde os grupos políticos aos partidos políticos para o financiamento dos seus gastos ordinarios.

Para tal efecto, na documentación soporte da transferencia da asignación dos grupos políticos aos seus partidos deberá constar, segundo a lexislación vixente, o seguinte concepto: “Achega para o financiamento dos gastos ordinarios de funcionamento do partido”.

A dotación deberá destinarse a gastos correspondentes ao exercicio orzamentario.

2.- Cada grupo político provincial deberá levar unha contabilidade específica desta dotación, que porá a disposición do Pleno da Corporación sempre que este llo pida.

3.- Para a percepción desta asignación observaranse os seguintes trámites:

a) O portavoz de cada grupo provincial presentará, nos primeiros vinte días hábiles posteriores ao termo do trimestre a xustificar, ante a Intervención Xeral da Deputación Provincial, unha xustificación semestral dos gastos realizados baseándose na asignación económica concedida, consistente nun estado – resumo (en formato idéntico ou semellante a unha conta de perdas e ganancias) da contabilidade levada polo grupo, así como unha copia do extracto bancario no que se reflictan todos os movementos da conta corrente aberta polo grupo político, relación que deberá ser asinada polo portavoz respectivo facendo constar que os devanditos pagamentos se efectuaron exclusivamente para atender os gastos de funcionamento indicados.

b) Para a xustificación das achegas transferidas aos partidos políticos deberá xustificarse o movemento baixo a epígrafe de “Achega para o financiamento dos gastos ordinarios de funcionamento do partido”, debendo acompañarse un escrito, asinado polo portavoz do grupo e polo responsable da xestión económico-financeira do partido político, no que se declare que a achega realizada foi para a colaboración nos gastos ordinarios de funcionamento do partido.

c) A fiscalización do gasto pola Intervención limitarase a comprobar que se presentou a documentación co formato establecido nos dous apartados anteriores, subscrita polo portavoz do grupo.

d) Unha vez efectuada esta fiscalización formal pola Intervención Xeral da Deputación Provincial de Ourense, emitirá un informe no que fará constar a correcta (ou non, segundo proceda) presentación de toda a documentación esixida en tempo e forma que xunto coa propia documentación estará accesible para a cidadanía de Ourense dentro do portal de transparencia da Deputación Provincial de Ourense.

4.- Ao longo do primeiro trimestre posterior ao fin da anualidade xustificada, os informes da Intervención Xeral, xunto coa documentación presentada polos respectivos grupos provinciais existentes remitiráselle ao departamento de partidos políticos do Tribunal de Contas.

5.- No caso de que non se presente esta xustificación semestral ou que o informe formal da Intervención Xeral da Deputación Provincial de Ourense sexa negativo, quedarán automaticamente suspendidos os pagamentos das cantidades recoñecidas ata que non se proceda a regularizar esta situación.

6.- Cada grupo político provincial deberá levar a contabilidade dos gastos realizados baseándose na asignación económica concedida, soportando documentalmente os gastos realizados cos seus xustificantes (facturas, recibos, facturas simplificadas), relación que deberá ser custodiada polo portavoz do grupo respectivo e posta a disposición do Pleno da Corporación cando este a requira.

7.- Ao termo do mandato e, sempre antes de que se constitúa a nova corporación, cada grupo xustificará a totalidade das asignacións percibidas, debendo ter liquidadas as dotacións recibidas con destino ao seu funcionamento, de xeito tal que no caso de que existisen, nese momento, excesos de financiamento, deberán reintegrar o exceso na Tesourería Provincial.

2º) Someter a presente modificación a información pública, polo prazo de quince días hábiles, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia. Durante o dito prazo, os interesados poderán examinar o expediente e formular reclamacións ao respecto. A modificación considerarase definitivamente aprobada se durante o indicado prazo non se formulan reclamacións, procedéndose á publicación da modificación no Boletín Oficial da Provincia para a súa entrada en vigor. En caso contrario, o Pleno disporá dun prazo dun mes para resolver sobre as reclamacións e sobre a aprobación definitiva da modificación.

DANOS CAUSADOS POLA AUGA NA COMARCA DA LIMIA

Acordo:

  1. Que esta Deputación inste á Xunta e Galicia para que realice unha avaliación técnica dos danos producidos nos concellos afectados da comarca da Limia.

  2. Que esta Deputación se sume á petición unánime de declaración oficial de zona de emerxencia con carácter urxente.

  3. Que esta institución solicite da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense que se coordine e convoque unha xuntanza inmediata e urxente con todos e todas os e as alcaldes e alcaldesas da comarca para analizar as posibles medidas a adoptar e que se determine a participación, na mesma, desta Deputación como actor implicado.

  4. Que se estableza un acordo que permita que esta Deputación preste a axuda necesaria, cos medios de seu, para a realización dos traballos necesarios para paliar os danos e o impacto das consecuencias dos temporais nos concellos da Limia.

  5. Que se poñan en marcha, con medios propios, os estudos necesarios que determinen as posibles medidas de apoio á actividade agraria na comarca, como se fixo anteriormente.

  6. Que se demande da Xunta de Galicia, a adopción das medidas oportunas diante doutros organismos, como por exemplo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, relativas á limpeza, roza e mantemento das canles dos ríos, regatos, desaugadoiros, etcétera dos concellos da Limia.

  7. Dar traslado deste acordo plenario á Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, á CHMS e ás alcaldías da comarca afectada.

PISCINAS DO PARQUE TECNOLÓXICO DE GALICIA

Acordo:

  1. Instar á Xunta de Galicia a que informe e resolva sobre as peticións xa formuladas desde a Deputación Provincial de Ourense acerca das obras preceptivas e necesarias para o acondicionamento das piscinas do Parque Tecnolóxico de Galicia e a reapertura das instalacións á maior celeridade posible.

  2. A Deputación de Ourense trasladará unha vez máis á Xunta de Galicia a súa disposición a facerse cargo da xestión das instalacións, como xa ten reiterado en diferentes ocasións.

VERTEDURAS NO RÍO TÁMEGA

Acordo:

1º) Instar á Xunta de Galicia a iniciar un estudo e investigación propia sobre as condicións ambientais e sanitarias do río Támega e afluentes a respecto do impacto que as obras do AVE ou algún tipo de industria puideran a estar a ter no mesmo. Con base neste estudo promoverase un plan de restauración integral a consensuar cos municipios implicados.

2º) Demandar do goberno central o traspaso das competencias da Confederación Hidrográfica do Douro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar