Expourense garante o uso da pista coa actividade deportiva

A Secretaría Xeral para o Deporte, representada pola secretaria xeral Marta Míguez e mais a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense), na figura do seu vicepresidente segundo -exercendo as funcións de vicepresidente primeiro executivo e por tanto representante legal- e alcalde de Ourense, Jesús Vazquez Abad, veñen de asinar o convenio de colaboración para regular o réxime de coordinación da programación das actividades deportivas e feirais e as actividades de mantemento, conservación e funcionamento da pista de atletismo cuberto do recinto feiral e deportivo de Expourense. Na sinatura do convenio tamén estivo presente o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Deste xeito, tras a sinatura do convenio de cooperación para levar a cabo as obras de instalación da pista o pasado 11 de abril de 2016 e a tras a inauguración da pista de atletismo o pasado 16 de decembro de 2017, as dúas entidades garanten a compatibilidade de usos da pista cuberta de Ourense, a principal característica deste proxecto.

A tenor do convenio asinado esta mañá, o uso deportivo da pista enmarcarase en dous períodos, entre o 1 de xaneiro e o 1 de maio e entre o 1 de decembro e o 31 de decembro, ambos inclusive. Ademais, anualmente estableceranse de maneira conxunta as datas concretas para a realización do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que sempre terá que celebrarse na primeira semana do mes de febreiro ou de marzo, por un período máximo de 35 días.

Tras agradecer a presenza das autoridades e a hospitalidade prestada pola Delegación Territorial da Xunta en Ourense, a responsable do Deporte galego destacou a importancia da pista cuberta como “unha das tres mellores pistas cubertas de España” e asegurou que a sinatura deste convenio fará que aumente “o volume de destinatarios das nosas accións nun mesmo espazo”.

Marta Míguez aseverou que a compatibilidade de usos sempre foi “a gran baza desta infraestrutura chegándose a celebrar no que vai de ano os campionatos galegos máis importantes, o Campionato de España sub 20 de atletismo e mesmo o Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar”. Así tamén lembrou a importancia doutros eventos como o II Salón do Deporte e Turismo Activo de Galicia ‘Sportur Galicia 2018’ que terá lugar do xoves 15 de novembro ao sábado 17 de novembro e volverá a coincidir na mesma fin de semana coa Carreira Pedestre Popular do San Martiño que se celebrará o domingo 18 de novembro.

Mantemento, conservación e funcionamento

Así tamén, o convenio asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e Expourense tivo como obxecto a regulación da xestión e realización das actividades de mantemento, limpeza, uso e conservación das instalacións, así como os gastos de funcionamento das mesmas, garantindo que se manteñan en perfecto estado para o desenvolvemento das actividades, competicións ou eventos deportivos.

Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte pon a cargo de Expourense a xestión, mantemento, limpeza, uso e e conservación da instalación deportiva, así como os gastos de funcionamento da mesma. Neste sentido, a secretaria xeral para o Deporte insistiu en que “esta instalación ten que estar nas mans de quen mellor a xestione, a coide e a promova”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar