TVG: A ex-presidenta do Parlamento, Villarino, afirma que “as liortas do PSOE” foron no pasado

A entrevista pode verse AQUÍ

O programa Bos Días da TVG recibiu a Dolores Villarino, ex-presidenta do Parlamento de Galicia e ex-deputada autonómica polo PSdG, nunha entrevista con Marcos Sueiro en que se abordou a situación do seu partido tanto en Galicia como a nivel estatal e as últimas novas sobre a actualidade política.

Villarino, que foi a primeira muller en presidir o Parlamento galego entre o 2005 e o 2009, falou, en primeiro lugar, da recente detención de Eduardo Zaplana, e dixo que non lle sorprendera, posto que era unha “persoa sospeitosa, por todo no que estivo metido”. A continuación fixo referencia ás consultas que se están levando a cabo en Podemos por mor do chalé e a polémica de Paula Quinteiro e sinalou que “facer consultas sobre temas intranscendentes é desvirtualas” e que só se deberían facer ante cousas importantes.

Respecto da situación do PSOE e do PsdG, a ex-deputada manifestou que “as liortas do partido son cousa do pasado” e que agora o panorama estaba despexado. Villarino apoiou de xeito incondicional  a Pedro Sánchez e a Gonzalo Caballero posto que “están avalados polos militantes” e de feito, con respecto de Sánchez, manifestou que “se hai que votalo 3 veces nas primarias, vótase sen problemas”.

Dolores Villarino falou tamén da relación con outras forzas da esquerda, das que dixo que “o PSOE non vai recibir ningunha lección” e afirmou que “temos que promover a unidade na esquerda e gobernos alternativos á dereita”. Por último, a ex-presidenta do Parlamento galego sinalou que “Ciudadanos é a extrema dereita, encabezados por Albert Rivera, aínda que non o sexan os seus votantes”.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar