O programa de detección precoz do cancro de mama leva 2,3 millóns de exploracións

O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama (PGDPCM) realizou 2.387.528 exploracións no período 1992-2017. Entre os anos 1992-2016, diagnosticáronse 7.998 cancros entre as pacientes remitidas ao hospital para estudo, o que supón un valor preditivo positivo (VPP) de 12,15 % e unha taxa de detección de 3,57 cancros por 1.000 mulleres exploradas. Neste período, recomendóuselles unha valoración clínica adicional ao 2,91% das mulleres exploradas. No resto das mulleres obtívose un resultado normal da exploración mamográfica.

A participación entre 1992-2017 foi do 78,79%. A participación do programa a partir do ano 2006 é superior ao 75%, sendo o obxectivo de participación desexable establecido polas Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico do 70%.

Grazas ao Programa, a mortalidade por cancro de mama en mulleres galegas que participan nos cribados descendeu en máis dun 20% respecto do previsto sen cribado, tal e como demostra un estudo realizado cos datos desta enfermidade entre os anos 1980 e 2012. En grupos cribados cunha participación superior ao 50%, o risco de morrer por cancro de mama redúcese nun 29%.

Este efecto representa un impacto positivo do programa aínda que non pode ser diferenciado totalmente doutros factores, como poden ser as melloras no tratamento do cancro de mama.

Ademais, estudouse a supervivencia das mulleres galegas entre 50-69 anos diagnosticadas de cancro de mama no período 1996-2009. As mulleres participantes presentaron mellor supervivencia relativa que as do mesmo grupo de idade diagnosticadas á marxe do programa (94’5% fronte ao 83’1% aos 5 anos de seguimento e 76,4% aos 10 anos de seguimento).

En 2017, acadouse unha participación do 81,30%. Na gran maioría das exploracións o resultado da mamografía foi a ausencia de lesións sospeitosas; tan só un 2,39 % das mulleres exploradas neste ano (3.518 mulleres) foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para complementar as probas realizadas e obter un diagnóstico definitivo. Tamén no ano 2017 diagnosticáronse 480 casos de cancro de mama.O cancro de mama segue a ser a o tumor feminino máis frecuente e a primeira causa de morte por cancro en mulleres da Unión Europea. Para abordar este problema, a Consellería de Sanidade puxo en marcha en 1992 o Programa galego de detección precoz do cancro de mama que vén de cumprir 25 anos. Desde aquela, o Programa foise estendendo ata cubrir no ano 1998 o 100% da poboación obxectivo.

Ata o ano 2004 a poboación á que ía dirixido o Programa eran todas as mulleres residentes en Galicia de 50 a 64 anos. Seguindo as directrices da Unión Europea, a partir do 2005 o Programa comezou a ampliación progresiva do grupo de idade ata os 69 anos, obxectivo que se acadou no ano 2009. A citación e persoal e por carta. Envíase nos 10-15 días previos a cita e nela especifícanse o lugar, día e hora en que debe de acudir para a realización da proba mamográfica. Se a muller non acode, envíase unha nova citación, tamén por carta.

A proba básica de cribado é a mamografía. Realízanse dúas proxeccións mamográficas (cranio-caudal e oblicua-medio-lateral) en cada mama cunha periodicidade de dous anos. Se o resultado é negativo, as mulleres reciben a información por carta personalizada, recomendándolles seguir no Programa e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos.

No caso de que sexa necesario realizar unha valoración clínica adicional para chegar a un diagnóstico, infórmase por carta certificada e con xustificante de recepción. Na mesma facilítaselles unha cita para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento. Esta carta remítese tres días antes da cita e ademais, dous días antes da cita chámase á muller por teléfono para confirmala.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar