Escolares ourensans renden homenaxe a Pura Vázquez

 

 

Trescentos escolares de educación primaria de sete centros de ensino de Ourense rendéronlle tributo a Pura Vázquez no centenario do seu nacemento, no acto Pura Vázquez, pioneira da literatura infantil, mestra exemplar, organizado pola Fundación Ínsua dos Poetas en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación de Ourense. Nel participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen lles pediu aos rapaces e rapazas alí congregados que “a homenaxe a Pura Vázquez non sexa cousa dun día, senón que, como a ela lle gustaría, faledes e escribades en galego para que o esforzo que fixo por publicar nesta lingua dea froitos en vós”.

A canda eles, interviñeron no acto o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar.

Os nenos e nenas dos CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense), Virxe de Guadalupe (Avión), Emilia Pardo Bazán (Leiro), Saco e Arce (Toén), Virxe de Covadonga (Ourense) e Inmaculada (Ourense), liderados polos do CEIP Manuel Sueiro (Ourense) participaron activamente nesta homenaxe. Ao recitado dos poemas Amante e O caracol ou á dramatización conxunta do texto Visitas ao bosco uniron a lectura dunha poesía agasallo do CEIP Manuel Luis Acuña e a celebración do obradoiro Construímos poemas con Pura Vázquez, na que os nenos e nenas pasaron de ser receptores a ser creadores de literatura. As actividades da xornada completáronse cun concerto no monumento homenaxe a Pura Vázquez en que o grupo A Roda interpretou textos musicados da escritora.

 

 

PURA VÀZQUEZ

 

Carmen Pura Vázquez Iglesias (Ourense, 1918-2006) foi mestra, pioneira da literatura infantil galega e a primeira muller en publicar na lingua propia de Galicia tras a guerra civil. A súa obra abrangue un total de 45 títulos de poesía, narrativa e teatro, centrados no público máis novo.

Académica correspondente da Real Academia Galega desde 1949, recibiu en vida numerosos recoñecementos, entre os que se poden destacar o Premio Trasalba (1996), o Premio das Letras e das Artes de Galicia (2002) ou o nomeamento como socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2005).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar