A ETA que nunca existiu

 

No relato que tentan impoñer como único, existe unha ETA mala e unha ETA que nunca existiu, a ETA-PM. Esa ETA, da que agora non se fala, e da que moitos dos seus militantes están perfectamente integrados no sistema, foi a que, nos anos que median entre as primeiras eleccións de 1977 e as de 1980, matou a máis xente que o conxunto de toda a ETA durante o franquismo. Puidera ser que non se fale porque algúns dos que “estiveron alí”, como Unzalu, Teo Uriarte ou Teo Aitzol, e todos os que se pasaron logo ao PSOE, son os que están agora axudando a conformar ese relato.

Permítanme que lles avive a memoria con dous episodios desa ETA, da que non se fala, en Galiza: o intento de secuestro de Gómez Franqueira e a bomba que lle colocan ao medico galeguista Manuel Cabaleiro. O intento de secuestro do parlamentario Euloxio Gómez Franqueira, ocorreu na súa casa, no lugar de Razamonde, á beira do encoro de Castrelos, o 9 de xuño de 1980. O comando de ETA-PM, co apoio loxístico dun “comando galego”, fracasou ao facerlle fronte o político de UCD e non pórse de acordo en como resolver a situación entre os vascos e os galegos.

José Antonio Alcocer, o xefe do comando, diríame anos despois: “os prudentes fomos nós, que marchamos da casa sen devolverlle os tiros”. Daquela, a maioría dos medios tentaron relacionar a UPG con aquel feito. Esta sacou un comunicado afirmando que “nós non admitimos inxerencias políticas ou armadas de organización alleas ao noso país”, denunciando a utilización do terrorismo con “finalidade política confusionista”. Facía fincapé en que ETA-PM “defende unhas posicións políticas totalmente afastadas das da UPG, abertamente antiautonomista”, e cualificando a esta organización de “infiltrada”.

Ao dirixente do PG, Manuel Cabaleiro, colocáronlle unha bomba pegada ao corpo o 5 de xuño de 1978. Antes de dous días puido depositar nunha parroquia viguesa os 10 millóns de pesetas que lle esixían, salvando así a vida.

ETA-PM decidira por aqueles anos vir “aprovisionarse a Galiza” para que Euskadiko Ezquerra puidese competir ao xeito nas eleccións. ETA-PM levaba o 40 % do botín logrado e o seu partido, EE, o 60 %. Nestes dous episodios, ese 60 % sería dividido a partes iguais cos seus socios galegos.

A decisión de “aprovisionarse” en Galiza e os secuestros a dirixentes de UCD foi tomada pola dirección de Euskadiko Ezkerra, dirixida polos logo tan louvados Mario Onandía e J. M. Bandrés.

A información procede de Txuxo Abrisketa, líder daquela de ETA-PM. Fraga Iribarne, tan amigo logo deses líderes vascos, abriría a campaña de xuño do ano 2005 en Galiza cualificando ao BNG de terroristas e afirmando que “se gaña a coalición PSOE-BNG traerán a ETA enteira a Galiza”.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar