Santiago: 200 rapaces partiparon na I Marcha Ciclista Escolar

O percorrido rematou na Praza do Obradoiro, onde chegaron arredor das 12:00 horas tras un percorrido que saíra ás 10:15 horas da avenida Xoán XXIII.

Os rapaces pasaron polo Burgo das Nacións, Ricardo Carvalho Calero, Pelamios, Morón, Galeras, Salvador Allende, Entregaleras, Campo das Hortas, Poza de Bar, San Lourenzo, Xosé María Suárez Núñez, Lope Gómez de Marzoa, Ángel Jorge Echeverri, avenida de Vigo, Feáns, avenida da Coruña, Rosalía de Castro, Xoán Carlos I, Campo da Estrela, Porta Faxeira, Campo de San Clemente, San Clemente, Trindade, Carretas, Costa de San Francisco e San Francisco, ata chegar ao Obradoiro. Neste punto fixeron unha pequena parada, para volver facer despois o itinerario no sentido contrario.

Mobilidade sustentable

Martiño Noriega salientou que “esta iniciativa, ademais de fomentar o transporte sustentable, ensina a que os nenos e as nenas aprendan a circular con seguridade en bicicleta”. Ademais, a Marcha Ciclista Escolar pretende fomentar a práctica do exercicio físico e supón unha interesante xornada de convivencia entre nenos e nenas de diferentes centros escolares.

O percorrido estivo deseñado tendo en conta a localización destes colexios, de forma que os nenos e nenas se puideran ir incorporando progresivamente á marcha a medida que pasara polos seus centros.

A actividade estivo supervisada pola Policía Local, en coordinación coa agrupación compostelá de Protección Civil. Na I Marcha Ciclista Escolar colaboraron tamén o departamento de bicicletas de Decathlon e a Cruz Vermella.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar