Ourense: O Concello chama a se informar sobre a devolución do Imposto de Plusvalía

 

O Concello de Ourense anima os cidadáns a achegarse as Oficinas de Facenda para se informar sobre se teñen dereito á devolución do imposto de Plusvalía, pagado dende maio de 2014 á actualidade, e no caso de que así sexa reciban toda a axuda e orientación necesarias para iniciar os trámites.

Trátase dunha iniciativa pioneira que pretende facilitarlles aos ourensáns o reintegro do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana pola venda dunha vivenda no caso de que non tivesen que facelo, tal e como sinalou o alcalde Jesús Vázquez ao dar a coñecer esta posibilidade.

“Ourense converterase no primeiro Concello dunha gran cidade en facer este tipo de chamamento”, sinalou entón o rexedor, que tamén incidiu na necesidade de “trasladarlle a toda a sociedade, e por todos os medios” a posibilidade de que pode optar a unha devolución da plusvalía “no caso de que demostre que houbo un decrecemento no valor e non tiña que pagala”.

Para poder ter dereito á devolución do importe cobrado a través desta taxa téñense que dar unha serie de requisitos.

En primeiro lugar, demostrar que o prezo polo que se vendeu a vivenda foi inferior ao prezo polo que se adquiriu.

Outro requisito que axuda a aclarar se existe este dereito é que o Concello cobrase o devandito importe a través dunha autoliquidación

E tamén hai que ter en conta que a vivenda se vendese dende maio de 2014 en adiante. A Lei recoñece unha retroactividade de catro anos para poder solicitar esta devolución, polo que non se atenderán os casos anteriores a maio de 2014.

Por outra parte, o Concello de Ourense xa non estaba a cobrar as plusvalías dende este ano, no caso de non ter dereito a elas, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Constitucional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar