O grupo Batuko Tabanka, de Cabo Verde actúa a fín de semana en Ourense

O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, actúa esta fin de semana en Ourense no marco da xira por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión. Será no Centro Cívico A Ponte este domingo 20 de maio, ás 18 horas, no mes en que se celebra o Día de África.

 

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que tamén ofrecerá unha charla introdutoria na súa actuación. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións. En Ourense, Alfoz, Teo, Vilasantar, Mugardos, Covelo, Rianxo, Boiro, Vilagarcía, Culleredo, Monforte, Ferrol, Cuntis, San Sadurniño e Lugo terán oportunidade de comprobalo ao longo deste ano.

Dar a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego é outro dos obxectivos desta actividade de sensibilización, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Desde 2002, a asociación de administracións locais promoveu nas illas máis de 30 proxectos en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 94 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar