Día das Letras:Homenaxe á extremeña María Victoria Moreno

 

María Victoria Moreno Márquez, nada en Valencia de Alcántara (provincia de Cáceres) o 1 de maio de 1939 e finada en Pontevedra o 22 de novembro de 2005,foi unha editora, tradutora, conferenciante, escritora de literatura infantil e xuvenil galega e profesora de ensino secundario en institutos de Lugo, Sanxenxo e Pontevedra. O seu texto máis coñecido é Anagnórise (Galaxia, 1988), vinte veces reeditado e traducido a varias linguas. Algúns trazos fundamentais da súa obra son o lirismo, a conversión dos animais en protagonistas e a crítica a un ensino reseso,

En 2018 é a figura protagonista do Día das Letras Galegas, sendo a cuarta muller, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garridoe María Mariño, que leva ese recoñecemento na historia da celebración.

Primeiros anos

Naceu en 1939, xusto un mes despois do anuncio da fin da guerra civil española, se ben na súa mocidade dixo que nacera en 1941 para comezar o bacharelato coas rapazas menores ca ela porque non tivera ocasión de se matricular antes. Do mesmo xeito, tamén falseou a súa idade ao comezar os estudos universitarios. É por iso que algunhas fontes] sinalan 1941 como o ano de nacenza da autora.

O seu pai, Vicente Moreno Moreno, natural de Lagartera, Toledo, fora mobilizado en 1937 na Facultade de Dereito para ir á fronte na guerra civil española. Nese mesmo ano, durante un permiso, casou coa mestra Sara Márquez Bueno, malagueña que estudara maxisterio en Córdoba, filla dun militar que viñera de Manila e unha madrileña. A nai quedou na casa dun irmán seu, Antonio, a quen destinaran como policía á vila de Valencia de Alcántara, a doce quilómetros da fronteira con Portugal. María Vitoria, que foi a primoxénita, tivo tres irmáns: Sara (setembro de 1940), Antonio (maio de 1942) e Rafael (decembro de 1943).

Vicente foi destinado en 1943 a Segovia morrendo en 1949 por mor da tuberculose. María Victoria tiña dez anos de idade. A nai, rematada a excedencia que solicitara, puxo escola desde 1949 en Sepúlveda. Como alí non había instituto, tanto Victoria como a súa irmá Sara tiveron que ir facer o bacharelato fóra. En 1951 conseguiu unha bolsa de estudos e foi a Barcelona, interna nun colexio da Sección Femenina —a súa irmá Sara foi enviada a Sanlúcar de Barrameda—. Alí aprendeu catalán e francés, e descubriu a literatura, lendo por vez primeira o Quixote de Cervantes e O principiño de Saint-Exupéry, que se habían converter nas súas obras favoritas. Nos veráns volvía ás aldeas de Segovia onde traballaba a súa nai. De 1958 a 1963 estudou Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, onde tivo de profesores a Rafael Lapesa e Dámaso Alonso.

En Madrid colaborou coa ONCE traducindo libros do francés e lendo para cegos. Alí coñeceu o valenciano José Luis Llácer, invidente dende os tres anos de idade, dez anos maior ca ela, co que casou ao rematar a carreira, en xullo de 1963, e co que se trasladou a Pontevedra no mesmo ano da licenciatura, pois Llácer fora contratado como profesor no colexio Santiago Apóstolo da ONCE desa vila, do que chegaría a ser director.

En Galicia

María Victoria xa coñecera Galicia en 1947, con oito anos de idade, cando fora visitar a súa tía a Valdoviño.

En Pontevedra, estivo dando clases como profesora interina durante dous anos no Instituto Feminino, de 1963 a 1965, o primeiro curso como profesora de latín e o segundo de francés. En 1965 aprobou a oposición e foi destinada ao Instituto Masculino de Lugo (hoxe IES Lucus Augusti), onde estivo outros dous anos e tivo por compañeiro a Xesús Alonso Montero, con quen fixo amizade. Do profesor Alonso Montero escribiu: Eu non teño casa patrucial en Galicia e non podo falar da «hortiña que quero tanto» nin das «figueiriñas que prantei», mais pouco importa isto se a miña voz chega ás escolas e ós institutos deste país […] ¿Ten isto algo que ver coa influencia que exerceu sobre min Xesús Alonso Montero? Evidentemente si, alomenos en parte. […] O meu estilo é meu, e coido que llo debo a meu pai e os xenes moriscos que me transmitiu. A actitude ante a lingua, a ética e o compromiso cos seus falantes herdeinos de quen foi o meu mestre, de quen me honro e recoñezo coma mestre. Alí tivo por alumno, entre outros, a Xesús Rábade Paredes. Volveu a Pontevedra en 1967 como profesora de lingua castelá. Entre os alumnos que tivo estaba Rosario Álvarez Blanco.

En 1973 foi cofundadora, con outros oito socios (José Luis Llácer, Margariña Valderrama, Alfredo Conde, Blanca Varona, Ramón Yuste, Carmen María Echarre, Paco Gulías e Javier Yuste) da librería Xuntanza, na rúa Andrés Muruais de Pontevedra, que pechou en 1976 polas débedas, e na que podían atoparse, entre outros libros, obras de Castelao que naqueles momentos estaban prohibidas pola censura.

Na ditadura franquista non se ensinaba a lingua galega, mais María Victoria dedicaba parte das clases de literatura española dos venres a ensinar literatura galega. Participou activamente na vida cultural e política de Pontevedra e de Galicia. A súa fascinación dende moi nova por Galicia e pola súa lingua provocaron nela unha entrega absoluta á defensa e promoción do galego.] En xullo de 1973 foille denegado o pasaporte pola policía do réxime por participar nuns cursos de galego que organizara o Ateneo de Ourense, presidido por Manuel Peña Rey, coñecido comunista. María Victoria impartira eses cursos, non remunerados, en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa desde 1971.

En 1975 o matrimonio completou o proceso de adoción dos seus fillos, Begoña e Carlos Alberto, que iniciaran dous anos antes.

Conseguiu a praza de catedrática en 1979, con destino no instituto de Ribadavia, pero para poder seguir en Pontevedra solicitou a excedencia ata 1986 en que pediu a reincorporación, accedendo como catedrática ó instituto de Vilalonga, en Sanxenxo, no que traballou catro anos e onde comezou a escribir a novela Anagnórise. En 1990 consegue o traslado ao Mixto nº 5 de Pontevedra , no que remataría a súa carreira docente.

En xaneiro de 1996 morreu o seu home, José Luis Llácer, e en 1997, a ela, foille diagnosticado cancro de mama.

En xuño de 2002 os compañeiros e compañeiras ofrecéronlle unha homenaxe de despedida na que ela pronunciou un discurso en varios idiomas. O 1 de setembro de 2002 xubilouse como catedrática de ensino medio.

Pedro Ferriol, un capitán da mariña mercante cubano foi o seu compañeiro durante os seus tres últimos anos de vida, relación que comezou de xeito epistolar cando el leu Leonardo y los fontaneros. Casaron en maio de 2003 polo civil na Habana e en 2004 repetiron a cerimonia na igrexa de Campolongo en Pontevedra.

María Victoria Moreno morreu aos 66 anos de idade, ás nove da mañá do 22 de novembro de 2005, vítima do cancro.

A súa biblioteca persoal, de 5 009 volumes,incluídas varias edicións e uns 150 estudos de Don Quixote, foi doada ao IES Gonzalo Torrente Ballester.

 

Obra

 

Ademais de novelas e contos, escribiu obras de ensaio, colaborou en libros de texto e dirixiu, canda Antonio García Teijeiro e David Otero, a colección Árbore de literatura infantil da editorial Galaxia desde 1988. Como lectora, no ámbito das letras en galego nunca agochou o seu gusto pola narrativa de Ramón Otero Pedrayo ou de Carlos Casares.

María Victoria Moreno foi unha das pioneiras da literatura infantil e xuvenil en galego. O seu primeiro libro en galego foi Mar adiante, que estaba ilustrado por ela mesma. Neste libro atópase o conto Crarisca e luceiro co que gañou en 1972 o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho”. Nesta obra defende outro xeito de entender a escola, baseada no contacto coa natureza, no respecto, na ledicia de aprender e no afecto.[2]

A súa obra O cataventos publicouna en 1979, despois de levar o primeiro premio do Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho” en 1975. En 1983 publica outro libro, A festa no faiado. E máis adiante, en 1986, publica Leonardo e os fontaneiros, o seu libro preferido, e que gañou o terceiro premio de O Barco de Vapor en 1985. Neste libro, ó igual que en E haberá tirón de orellas? (1997) amosa o seu grande amor polos animais.[2] Os animais tamén son protagonistas noutros contos seus, como Can branco, can negro e Un cachiño de bica?, publicados no 2005 no libro Eu conto, ti cantas….

A mediados dos anos 80 publica varios libros de texto sobre lingua e literatura galega xunto con Xesús Rábade e Luís Alonso Hirgado para cubrir a demanda que comezou a aparecer nesa época ó comezarse a implantar estas materias nos centros de ensino.

E en 1988 publícase a que foi a súa obra máis recoñecida, Anagnórise, da que se publicaron 20 edicións e que foi incluída na lista de honra do IBBY en 1990.

Co libro Guedellas de seda e liño, publicado en 1999, acadaría outro recoñecemento, ó conseguir entrar na prestixiosa lista internacional White Ravens da Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002, demostrando de novo a súa capacidade para conectar coa mocidade.

Tamén publicou algúns anos despois, no 2004, un libro para público adulto, Diario da luz e a sombra, falando da súa experiencia coa enfermidade que padecía, o cancro de mama.

O último libro que chegou a ver publicado, no 2005, foi Eu conto, ti cantas…, e foi de novo unha obra para o público infantil, neste caso en verso, e tendo, coma noutras ocasións, os animais coma protagonistas.

No ano 2009 publicouse postumamente o libro Onde o aire non era brisa, tradución de Xavier Senín do primeiro libro que escribira en castelán, Alcores de Donalvar, e que fora publicado no 2006 co título Donde el aire no era brisa.

Tamén fixo traducións, como a tradución do catalán ó galego do libro Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo, ou as traducións ó castelán das obras contidas en Os novísimos da poesía galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar