A terceira edición de Xornalismo na Escola remata en Ourense

Remataron os obradoiros desta terceira edición no IES Ferro Couselo na capital ourensá. Desta maneira conclúe por este ano o proxecto Xornalismo na Escola “La Caixa” coa participación de máis dunha trintena de centros educativos de secundaria en todas as provincias galegas e que se desenvolveron dende o mes de febreiro.

Para este derradeiro obradoiro o CPXG contou, ademáis, coa presenza da escritora e xornalista Elena Gallego Abad que mantivo un coloquio cos rapaces sobre o xornalismo e a súa importancia respecto á información de proximidade e a súa importancia na divulgación cultural na sociedade.

Ademáis tamén estivo presente o responsable de comunicación e relacións externas da Fundación La Caixa en Galicia, Anxo Pérez Romariz, xunto co decano do CPXG, Francisco González Sarria, como remate e apoio a esta iniciativa educomunicativa que chega á súa tercera edición.

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de secundaria do IES Ferro Couselo pecharon esta iniciativa que propón un achegamento aos medios de comunicación así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos trataron temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación para detectar os bulos e fakes, o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova, a veracidade e o rigor xornalístico.

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 e chegaron a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernandez e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que impartiron os obradoiros en distintas localidades galegas. Ademáis de Ourense, Xornalismo na Escola viaxou ata Pontevedra, Vigo, Poio, Gondomar, Ponteareas, Vilanova, Vilaboa, O Grove, Marín, Soutomaior, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Lugo, Quiroga, Meira, Val de Ubra, A Coruña, Neda Ribeira, Sada, Coristanco, Trazo, Santiago, A Baña, Curtis, Ames, Porto do Son, Cee, Negreira, Malpica, Mazaricos e Maceda.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se veñen celebrando obradoiros de similares características.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar