Os trens turísticos abren duas novas rutas polos mosteiros e a Ribeira Sacra

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe en Vigo a sexta edición do programa Trens Turísticos de Galicia, que este ano suma dous novos itinerarios: a Ruta dos Mosteiros e Ruta do Viño da Ribeira Sacra polo Miño. En total, serán 12 rutas temáticas que percorrerán as catro provincias da Comunidade con 56 saídas desde a primavera ata o outono durante as fins de semana. Amais, por primeira vez, haberá teatralizacións a cargo de personaxes que descubrirán a historia dos lugares que atravesan.

 

Nava Castro estivo acompañada, na presentación na estación de Vigo-Guixar, por Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta en Vigo; Javier Díaz Trisac, xerente da Área Comercial de Renfe, e tamén polo presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández, as institucións que colaboran en facer posible esta oferta.

“Os Trens Turísticos de Galicia téñense revelado como unha das mellores opcións para coñecer varios dos nosos mellores recursos e paisaxes”, declarou Nava Castro en alusión á enorme aceptación do público durante as cinco edicións anteriores. De feito, o ano pasado tiveron unha ocupación superior ao 86% e varios dos itinerarios esgotaron os seus billetes. Amais, preto do 98% dos viaxeiros, procedentes de 17 países e da práctica totalidade das comunidades, recomendan a experiencia e danlle unha valoración de 8,7 puntos sobre 10.

As estreas e melloras desta edición achegan importantes atractivos, pois incorporarán ao programa de visitas espazos emblemáticos do patrimonio galego, adegas e novos museos.

No caso concreto da novidosa Ruta dos Mosteiros, poderán visitar o pazo de Oca e os seus xardíns de camelias, no concello pontevedrés da Estrada, e o mosteiro de Carboeiro, en Silleda, ademais do mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou o templo da Vera Cruz do Carballiño, ambos xa na provincia de Ourense. Os participantes rematarán a xornada no balneario de Caldas de Partovia, onde gozar das propiedades das súas augas termais.

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Miño, que complementa á xa existente do Sil, ofrece outra perspectiva desta paraxe que aspira a ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco. No seu itinerario estarán presentes, entre outros, concellos como Monforte de Lemos ou Chantada, espazos como o Ecomuseo Arxeriz, en O Saviñao, amais dun paseo en catamarán polo Miño para finalizar a xornada na adega Vía Romana.

Configúrase así un programa que combina natureza, termalismo, enogastronomía e cultura, especializando e enriquecendo a oferta turística, diversificada amais por todo o territorio.

“Galicia a todo tren é unha proposta de turismo de calidade, tranquilo e sustentable, unha proposta que se parece moito a Galicia e que encaixa co modelo que estamos a impulsar a través da Estratexia do turismo de 2020”, sinalou ao respecto Nava Castro sobre o programa que completan a Ruta dos faros, a Ruta polos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, a Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Sil, a Ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras, a Ruta do viño das Rías Baixas, a Ruta dos viños do Ribeiro-Rías Baixas, a Ruta do Viño Monterrei, a Ruta da Lamprea, a Ruta Lugo Romano e a Ruta Ourense termal e Versalles galego.

Precisamente esta última conta tamén con novidades, ao incluír o Pazo de Oca no seu percorrido, que remata nas Termas de Outariz. Outro dos cambios prodúcese na Ruta dos Faros, na que se inclúe un programa opcional para coñecer Ferrol en profundidade. Pola súa banda, as viaxes teatralizadas con actores profesionais se repartirán pola Ruta do Viño Monterrei, a Ruta dos Viños do Ribeiro e Rías Baixas e a Ruta Lugo Romano.

Os Trens Turísticos de Galicia 2018 comezarán a funcionar o 2 de xuño e rematarán o 27 de outubro. As rutas inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 40 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 o máis adultos) e 20 euros para os nenos con idades entre os 3 e os 13 anos. Os billetes pódense adquirir a través de web de Renfe. Amais, pódese atopar toda a información na web de Turismo de Galicia ou no teléfono 912 555 912 da Central de Reservas de Trens Turísticos.

Esta oferta complétase co Tren Peregrino, que sairá de Madrid en agosto para percorrer o Camiño Portugués nunha ruta que, como novidade, se alonga un día mais. En total, serán seis días e cinco noites que ofrecen a posibilidade de obter a Compostela ao final da viaxe.

O Tren Peregrino percorrerá poboacións como Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Arcade, San Amaro, Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove, Caldas de Rei, Valga, Padrón ou Teo.

Descontos grazas ao ‘Galicia Rail Pass’
O terceiro elemento que configura esta proposta é o Galicia Rail Pass, que permite percorrer en tren Galicia dun xeito moi económico. Poden beneficiarse dela peregrinos que recollan a súa Compostela e todos os visitantes que cheguen en trens de Alta Velocidade-Longa Distancia ou que adquiran un billete dalgunha da nosa ducia de rutas turísticas. Co Galicia Rail Pass, poderán subir e baixar de cantos trens queiran durante tres días consecutivos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar