ETA, un lastre para o Bloque

A desaparción de ETA como organización, tanto militar como política, é unha moi boa nova, sen importar como o escenifícase. Pero semella que a moitos non lles prestou. Son os que se viñeron servindo anos e anos da súa actividade terrorista para atizar os votos cara a súa comenencia.

Na Galiza, a presenza de ETA, foi un importante lastre para o denominado Bloque. Soubo utilizala moi ben Fraga Iribarne e os seus conselleiros Xaime Pita e Pérez Varela, acusando ao BNG unha e outra vez de “terrorista” por mor dunha pretendida relación desta organización con HB. Non hai máis que visitar o diario de sesións do Parlamento galego ou furgar nas portadas dos medios de comunicación para corroboralo.

Un lanzaba a difamación e outros non tiñan reparo en titulala en portada. Todos sabían que era unha falsidade, que o BNG rachara precisamente todo relación con HB cando decidiron realizar campaña en Galiza nas primeiras eleccións europeas, apoiados por unha minoría do BNG e por outros nacionalistas galegos. Moitas destas persoas, pasado o tempo, deixaron de ser socios do nacionalismo vasco e convertéronse en sucursal da esquerda estatal.

As acusación de “terroristas” ao BNG arreciaban, precisamente, cando este afondaba no denominado “proxecto común”, tentando espantarlle o electorado máis centrista e desideoloxizado.

O denominado Bloque, malia os acordos para a unidade de acción con outros nacionalismos periféricos, sempre foi, lóxicamente, moi defensor da súa soberanía, aínda que, dentro do nacionalismo, existise moito papeleison do proceso vasco.

Antes de enfrontarse Xosé Manuel Beiras a Txema Montero naquel ano 1987, xa o fixera Moncho Reboiras a Miquel Legarza no 1975, cando ETA decide montar unha base en Galiza e actuar nese territorio. Legarza era o famoso infiltrado O Lobo, indutor logo do asasinato de Reboiras.

Os desencontros entre o Bloque e HB, prodúcense tamén cando se monta o LAR, cando o PCLN racha o BNG, apoiados por unha parte de HB, cun papel destacado doutro colaborador policial, o dirixente Quinito. Pero, sobre todo, cando aparece o Exercito Guerrilleiro. Como daquela o BNG non ten interlocución oficial co mundo abertzale, é un militante de base o que lles fai chegar a máis forte condena a calquera xeito de exportar a dinámica vasca a Galiza, logo dun cruce de acusacións moi fortes en Vigo.

Fronte aos “incautos”, foi Bautista Álvarez, quen, quer na Asemblea do BNG no Carballiño, quer nos distintos órganos de dirección, o que máis arremeteu contra o mimetismo e teorizou unha e outra vez sobre o mal que lle estaba facendo a actividade de ETA ao nacionalismo galego.

Pero este é un “relato” que seica non interesa.

Afonoso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar