A exposición de María Victoria Moreno, “Paisaxes e personaxes” chega a Pontevedra na semana das Letras Galegas


A mostra María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes, o proxecto expositivo itinerante co que a Xunta de Galicia lle rende tributo á autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018, empeza a súa itinerancia. Tras a estadía na capital galega, onde se puido visitar na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, chega agora a Pontevedra, desde o 14 ao 27 de maio. Instalarase no IES Torrente Ballester, centro educativo onde a escritora homenaxeada impartiu docencia.

A mostra, promovida pola Consellería de Cultura e Educación, a través da secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e mais do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, está coordinada por David Pintor. O humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés é o autor da imaxe central da mostra, que, no seu conxunto, se basea no diálogo gráfico de oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno, concretamente con O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Os ilustradores Xan López Domínguez, Nuria Díaz, Lucía Cobo, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón realizaron dúas ilustracións alusivas á personaxe principal e ao escenario no que se desenvolven as historias. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora. Así mesmo, cada un dos paneis complétase cun fragmento da obra correspondente. A exposición inclúe tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o bolígrafo co que escribiu as súas derradeiras obras ou manuscrito da obra O cataventos. Finalmente, a exposición acompáñase dun cuadríptico, que está accesible en liña, xunto cos paneis da mostra, en https://www.cultura.gal/gl/destaque-dinamizacion/42261

Tras o seu paso por Pontevedra, María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes viaxará á Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés, onde se poderá visitar do 29 de maio ao 11 de xuño. Trasladarase despois á Biblioteca Pública de Lugo, para permanecer alí do 13 ao 26 de xuño. Chegará despois á cidade de Vigo, á Delegación Territorial da Xunta na cidade, entre o 29 de xuño e o 11 de xullo. A última parada do verán será o Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol, onde estará do 13 ao 30 de xuño. A continuación, poderá verse ata final de ano nos municipios de Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.

Co fin de favorecer a participación da cidadanía na conmemoración das Letras Galegas, a Consellería de Cultura e Educación, a través das bibliotecas de xestión autonómica da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia programa durante toda a semana do 17 de maio diversas propostas para todos os públicos. A Biblioteca de Galicia, con sede na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, organiza un espectáculo de narración oral e monicreques que fai un percorrido polo universo de María Victoria Moreno, ao que se pode asistir de balde o 19 de maio, previa inscrición na web www.cidadedacultura.gal

Tamén na capital de Galicia, a Biblioteca Pública Ánxel Casal ofrece unha manchea de actividades, como o obradoiro Gran xogo das Letras Galegas, para coñecer máis sobre a orixe e significado do Día das Letras Galegas. Será o día 15 de maio e a actividade está restrinxida a centros educativos da localidade. O VIII Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas entrega os seus premios o día 16. Os traballos finalistas e premiados formarán parte dunha exposición que se poderá ver na sala infantil durante un mes. O contacontos A Illa do vento, para nenas e nenos de 3 a 12 anos, terá lugar o sábado 19, ás 12:00 horas. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Ademais, exhíbense tres mostras bibliográficas diferentes no edificio ata o 31 de maio: 17 de maio, Día das Letras Galegas; María Victoria Moreno: Letras Galegas 2018 e As mulleres nas Letras Galegas.

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ofrece un obradoiro de escritura para adultos que, en cinco sesións, que se desenvolverán entre o 14 e o 22 de maio, estudará obras narrativas de autores homenaxeados nas letras galegas. O sábado 19 haberá contacontos para un público de catro a 12 anos, titulado Normas. A biblioteca ofrece, ademais, dúas exposicións bibliográficas do 14 ao 31 de maio, relacionadas con esta festa das Letras Galegas.

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, pola súa banda, ofrece ata o martes 16 a actividade Pasaporte de lectura, para potenciar o fomento da lectura en galego. O día 18, ás 18:00 horas e previa inscrición na biblioteca, o público infantil de 8 a 12 anos poderá participar do obradoiro de improvisación musical Eu conto, ti cantas. O día 25, ás 18:00 horas, haberá unha sesión de narración oral, Ruta propia, para nenas e nenos a partir dos 3 anos. Non é preciso inscribirse. A biblioteca de Pontevedra acolle tamén a mostra bibliográfica Día das Letras Galegas: María Victoria Moreno, ata o 31 de maio.

Na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel as nenas e nenos maiores de 3 anos poden participar o día 16 nun contacontos e obradoiro de debuxo titulado Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno. O contacontos O cataventos e outras historias de Vilaxeada terá lugar o día 19 de maio e está dirixido a nenas e nenos de 3 a 11 anos. Para calquera dos dous é preciso inscribirse previamente na biblioteca. Ata o 30 de maio, a biblioteca acolle tamén dúas mostras arredor das Letras Galegas.

A Biblioteca Pública de Ourense, pola súa banda, ofrece o día 15 unha actividade de narración oral para público de catro a sete anos, ás 18:30 horas. O día 19, ás 12:00 horas, a cita é para as rapazas e rapaces de seis a 12, aos que o grupo Sarabela lles achegará a María Victoria Moreno. Para as dúas actividades precísase inscrición previa na biblioteca.

A programación completa da Consellería de Cultura e Educación arredor do 17 de maio pode consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal e tamén no Portal da Lingua Galega, en http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/axenda

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar