Lugo:Novas tecnoloxías para o sector da artesanía

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse a Lugo para visitar o curso Redes sociais e comunicación en internet, na súa derradeira xornada. A actividade, que forma parte do programa de formación especializada para artesáns que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria para este ano 2018, realizarase tamén en Ourense, en Santiago de Compostela e en Pontevedra co obxectivo de impulsar o uso da comunicación dixital nas empresas artesás de Galicia.

Nesta actividade, que comezou o pasado 13 de abril, participaron doce profesionais da artesanía galega. As clases presenciais, que se celebraron no edificio administrativo da Xunta en Lugo, complementáronse con dúas sesións de seguimento on line de catro horas de duración. A actividade está enfocada a proporcionarlle aos obradoiros as ferramentas necesarias para optimizar os seus recursos de comunicación e mellorar a súa promoción e a súa comercialización a través de internet. Entre o 3 e o 28 de setembro, haberá unha edición deste mesmo curso na cidade de Ourense; do 5 ao 31 de outubro, será a quenda de Santiago de Compostela; e do 9 de novembro ao 5 de decembro, celebrarase en Pontevedra. A actividade estará dirixida pola empresa Abertal Networks.

Formación 2018

A Fundación Artesanía de Galicia ten preparado para este ano 2018 un programa de formación para o sector artesán galego no que se inclúen cursos relacionados con oficios como a padronaxe, a palla trenzada, o manipulado de papel ou a sombreirería, este último xa realizado no mes de abril en Ourense, a cargo do artesán Félix de Martín.

Do 6 ao 8 de xullo, están programadas dúas actividades formativas que se desenvolverán no marco do Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra en Agolada (Pontevedra). Novas ferramentas para novos materiais, impartida polo arquitecto Rubén García Louzao Araújo, e mais Manipulación de palla tranzada para a elaboración de complementos, que estará dirixida tamén polo especialista Félix de Martín.

No mes de outubro está previsto realizar o curso de Perfeccionamento do padrón a un branco segundo a visión do deseñador Shingo Sato, que se impartirá do 22 ao 26 no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar (Pontevedra). Os quince profesionais da artesanía que participaron no curso de iniciación, realizado no ano 2017, terán a oportunidade de perfeccionar a destreza na creación de pezas de moda aplicando a técnica Reconstrución Transformacional deste modisto, que substitúe as pinzas e as liñas de costura por cortes asimétricos, xeométricos e circulares, creando un novo manexo de volumes.

A artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra) impartirá un curso de Manipulado de papel para a elaboración de pezas decorativas dirixido a docentes e usuarios do obradoiro APAMP, en Vigo, cuxas datas están aínda pendentes de confirmación.

A formación dirixida aos artesáns e a captación de novo talento é unha das bases da estratexia de impulso ao sector deseñada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Na busca da introdución da innovación en todos os procesos, da recuperación de oficios tradicionais en extinción e da mellora da comercialización está previsto que se realicen os seguintes cursos que se complementarán con outras accións formativas encadradas no marco de diferentes eventos que se desenvolverán ao longo deste ano.

Días Azuis

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou tamén en Lugo na presentación da segunda edición da campaña Días azuis do comercio galego, organizada pola Federación Galega de Comercio, Abanca e a Xunta, e que se celebrará ata o 21 de maio co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade na Comunidade.

O obxectivo da campaña é visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e activar o comercio local. Así os clientes dos establecementos que realicen as súas compras entre o 7 e o 21 de maio deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que a rexistre o propio comerciante.

Entre todos os participantes sortearanse un total de 16.200 euros en 80 tarxetas prepago: 28 de 300 euros (sete tarxetas por provincia) e 52 de 150 euros (13 tarxetas por provincia), que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 25 de maio.

A iniciativa, que o pasado ano sumou un total de 70.000 tíckets, enmárcase no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia que a Xunta está a desenvolver para reforzar este sector e que contempla un total de 55 accións específicas ata 2020.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar