Galiciencia 2018:O cambio climático, a innovación e a calidade de vida

Os investigadores precoces da Galiciencia responderon este ano á demanda de proxectos sobre a temática central do evento, o cambio climático, presentando un bo número de iniciativas coas que non só documentan os efectos deste fenómeno na súa contorna, senón que buscan concienciar aos cidadáns para palialo. Estes, xunto cos proxectos orientados a mellorar a calidade de vida das persoas e o seu acceso ás tecnoloxías, a innovación no rural e as fontes de enerxía alternativas, son algúns dos temas máis populares dos 77 proxectos que se expoñen no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) durante a primeira edición da Galiciencia que se celebra en primavera.

A maior feira científica de Galicia comezou recibidno  máis de 1.800 escolares que a visitarán durante os seus tres días de duración, aos que se suman os asistentes que se achegan pola súa conta, dado que o evento é de entrada libre polas tardes. O certame chega este ano á súa décimo terceira edición, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt). A carpa da Galiciencia acolle 50 proxectos de Secundaria que compiten polo premio final, mentres que os 27 de Primaria se expoñen fóra de concurso.

A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 32 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 29 de Ourense, 9 da Coruña, 5 de Lugo e 2 de Barcelona. Os visitantes que queiran ver en directo como se produce o desxeo no Ártico e na Antártida teñen a ocasión de facelo a través das maquetas creadas polos alumnos do Colexio Marcote de Vigo para escenificar como o efecto invernadoiro provocado pola acción humana incide directamente no cambio climático.

Desde o IES David Buján de Cambre (A Coruña), un alumno trae a súa app deseñada co fin de que calquera poida achegar datos para avaliar a influencia do cambio climático sobre a flora da Península Ibérica. ¿E como cambiou o clima no norte de Lugo nos últimos 60 anos? Esa é a pregunta que  o equipo procedente do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo responde desde o seu stand na Galiciencia.

A dinamización do rural a través da innovación é un tema que se estreou na feira científica a través de proxectos coma o do alumno das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso (A Coruña) que lle busca novos usos aos hórreos. Logo de confirmar mediante circuítos electrónicos que son un excelente contorno para a conservación das colleitas, propón a súa reconversión como aloxamentos para peregrinos e secadeiros de xabón. Mentres, un equipo do IES San Rosendo de Mondoñedo (Lugo) ideou un proxecto de ciencia cidadá que busca mellorar os ecosistemas rurais da súa comarca e provocar o diálogo interxeracional sobre a situación do agro.

As solucións que melloran a calidade de vida, mesmo en condicións extremas, son xa un clásico na Galiciencia. É o caso do sistema de esterilización mediante luz ultravioleta para quirófanos rudimentarios, pensado para usar en zonas remotas ou en guerra, que deseñaron dúas rapazas do IES Sánchez Cantón de Pontevedra. E tamén o do sistema de axuda na reciclaxe de lixo para invidentes, que incorpora unha alerta sonora que lles axuda a diferenciar cada colector, ideado por alumnos das Aulas Tecnópole. Que calquera poida crear unha aplicación móbil, mesmo sen ningún tipo de coñecemento técnico, é o obxectivo dos alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago.

Traballando en rede con outros seis estudantes de todo mundo lograron desenvolver Makeroid, que xa lle axudou a máis de 40.000 persoas a crear as súas propias apps sen saber programación. Doutra banda, para que os estudantes non se distraian en exceso coas tecnoloxías, un equipo do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova (Ourense) creou unha “caixa forte” para teléfonos móbiles durante as clases. Os proxectos relacionados coa alimentación volven ser unha constante na Galiciencia. Nesta edición, os alumnos das Aulas Tecnópole presentan o seu calorímetro para medir as calorías de calquera alimento, mentres que os do Colexio Guillelme Brown de Ourense analizaron e confirmaron o poder das especias, e en especial da canela, para combater as bacterias.  As enerxías alternativas son outra das fontes de proxectos este ano.

O sistema para recargar as baterías dos móbiles con enerxía solar deseñado por alumnos do IES A Xunqueira de Pontevedra e o kart eléctrico do equipo do Colexio Divino Maestro de Ourense son só un exemplo. Nesta edición, mesmo a filosofía ten o seu oco privilexiado. As alumnas gañadoras do Premio Luis Freire de Investigación Científica na Escola trouxeron á Galiciencia o seu proxecto sobre a eficacia do ensino das ciencias a través de WhatsApp, que polo que puideron comprobar é elevada.

As actividades transmítense por Internet omezaron tamén ostalleres e o espectáculo científico centrado na astronomía que poderá seguirse en streaming desde calquera centro escolar ou desde a casa, accedendo á canle de Tecnópole en Youtube.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar