Presentación dun libro que da conta do valor humano do escultor Arturo Baltar

O universo humano e creador de Arturo Baltar, a súa obra e sentimento, agroman e botan raíces no libro Arturo Baltar. El caminante que deshoja paisajes, obra de Marifé Santiago Bolaños, que foi presentado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a autora, e a editora de Huso Editorial Mayda Bustamante.

A obra, un ensaio poético biográfico, da conta do valor humano do escultor entre textos e fotografías, e incluíndo un dvd co vídeo “arturo Baltar. Camino y barro”, con imaxes e declaracións do artista. Unha obra literaria e audiovisual “que amosa a unha figura clave da nosa cultura, que nos deixou fisicamente hai meses pero cuxa pegada é intemporal”, afirmou o presidente da Deputación. Manuel Baltar dixo que a traxectoria, a personalidade e a vida de Arturo Baltar “forman parte da alma de Ourense”, e felicitou a Marifé Santiago “por contribuír á cultura universal cun libro que é cen por cen Arturo Baltar”, expresou.

Manuel Baltar avanzou que dentro das publicacións que está a editar a Deputación de Ourense sobre artistas ourensáns –a última foi a de Acisclo Manzano- “Arturo Baltar terá o seu correspondente volume, e non só iso, senón tamén o recoñecemento permanente dunha provincia que ten nel un dos creadores máis senlleiros”, destacou o presidente.

A editora Mayda Bustamante dixo que para Huso Editorial é un privilexio ter o nome de Arturo Baltar no seu catálogo, “é con el a súa vida e a súa obra”. Neste sentido, a autora, Marifé Santiago, subliñou que o libro “é un regalo que nos fixo Arturo Baltar a todos, porque pasamos moitos anos escribíndoo e tivemos a sensación de que comezamos a redactalo o mesmo día que nos coñecemos, fai xa máis de trinta anos”, e lembrou que no grupo no que ela se integrou ao chegar a Ourense -para desenvolver o seu labor como profesora de Filosofía- “había persoeiros como Xaime Quessada, Xosé Luis López Cid e o propio Arturo Baltar, e aínda que eu era a máis nova decateime de que, en realidade, eu era moito máis vella, porque eles tiñan esa mentalidade xuvenil, con esa semente do porvir e do mundo”.

O libro divídese en nove capítulos que falan das orixes, a historia, as memorias, o arte das palabras e un epílogo, todo elo cun gran fondura poética, que fai desta obra un achegamento á figura de Arturo Baltar desde unha perspectiva diferente, desbordando en cada páxina a autenticidade de ser convidados por Marifé Santiago e por Arturo Baltar a entrar neste libro, todo sentimento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar