José María Barreiro en Brión

  Toda arte é inexorablemente cómplice do desexo humano (Nélida Piñón en O pan de cada día)

 

Barreiro chega á Mahía, a Pedrouzos, en Brión, á carballeira de Santa Minia, alma dun val pletórico de cultura, grazas, entre outras, á acción decidida dun concello en favor das artes plásticas, da literatura, da expresión libre en calquera das súas formas, dos creadores experimentados e dos máis novos.

Brión converteuse neste tempo de fonda incerteza social nun referente consolidado da arte, facendo efectivo ese balcón ao Paraíso desde o que se pode albiscar un futuro de convivencia social máis activa, froitífera e esperanzada. E ata aquí chega o pintor de Forcarei, para contribuír a abrir aínda máis as fiestras dos mahianos, dos que temos a sorte de compartir este espazo privilexiado da natureza, entre os que se atopan persoeiros como Alfredo Conde, Víctor Freixanes, Xosé Vizoso, Daniel Buján, Pilar Corredoira e tantos e tantos outros que son excelsos representantes do mundo das letras, da plástica, da medicina, ou do xornalismo.

Cada pintura, cada debuxo de Xosé María Barreiro, é un documento complexo, a síntese dunha aprendizaxe, o resumo das mellores esencias de toda unha vida, o sutil e diverso fundamento dunha biografía tamizada polas paisaxes de Forcarei, a pedra de Pontevedra, ou o mar de Vigo, a distancia de Bos Aires, o glamour de París ou a serenidade de Cela, aló na montaña de Bueu. Cada obra de Barreiro é a plasmación dos matices que foron agregándoselle de tanto vagar polo mundo, de tanto naufragar na súa propia imaxinación.

Nos seus óleos, Barreiro acapara todo o senso de Galicia, a plástica da Terra Nai, a da paisaxe verde, toda a gama dos azuis do mar e do ceo, os vermellos intensos do solpor atlántico. Encheunos de luz para conseguir unha atmosfera propia, común a toda a súa obra, inconfundible, que entra a moreas polas súas prodixiosas fiestras entreabertas para, así, contemplar a beleza dunha ría mentres ao lonxe, escoitase un romántico cuarteto de corda. A tradución pictórica de Barreiro fai que Galicia fuxa dous tópicos para converterse nunha expresión de alegre emotividade.

Barreiro viaxa no tempo coas súas Meninas, participa non baile do Joy Eslava, retrátase na alegría dos seus gaiteiros, amosa posiblemente a súa vertente máis varonil nos seus debuxos eróticos, e abre fiestras ao Mar de Ons. En toda a súa obra resalta a súa capacidade expresiva, creador dun estilo narrativo de seu. Os seus trazos son longos, minuciosos nos debuxos, abigarrados na pintura. O resultado é sempre sereamente sorprendente.

Amigo de Manuel Torres, Laxeiro, Seoane, Urbano Lugrís. Barreiro entronca coa vangarda histórica. É testemuña viva dese enlace prodixioso coa Galicia máis fecunda. Ironicamente, vou dicir que nesta exposición faise unha escolma inspirada de todo o seu percorrido temático e, xunto das súas cidades, dos seus personaxes galegos, amósanos agora a súa obra máis íntima, a súa cara máis agochada, froito seguramente do sentimento primario que todo artista, en canto home, leva con el. Agora Barreiro ispe o seu pudor, para nos agasallar coa súa dimensión menos coñecida de debuxante erótico. En plena madurez, o artista arrisca para, de súpeto, suxerirse como máis transparente, case traslúcido, húmido e provocador. E en pleno éxtase, revela algúns cadros como o  Joy Eslava, outros de novos músicos e algunha nova fiestra. E dicir, escolleu Brión para facer unha exposición de reafrimación e completude autobiográfica. Exhibe as súas propias convicións como artista e tamén as súas certezas como home.

Tocado polas musas, Xosé María Barreiro descubriu o segredo telúrico das cores da chuvia e da terra, seguindo a fórmula de inspiración máxica. Mesturaos nestas obras coa expresión dos sentimentos puros dun gran artista que, por riba de todo, é un home bo e xeneroso, que moi pronto teremos ocasión de coñecer taméncomo compositor e poeta. Fai uns días rematou en Cela un libro excepcional, unha obra que, porfío en asegurar, pasará a historia da pintura galega.

En Barreiro hai un Velázquez, un Cezanne, un Matisse, un Picasso, un Lugrís, un Laxeiro, e un anónimo novo pintor da Place du Tertre en Montmarte. Hai un Borges, un García Márquez, un Cela, un Castroviejo, e un Cunqueiro. Hai música de Albinioni, letras de Carlos Gardel e de Cafrune, acordes de Paco de Lucía e tamén un gaitero da romería de Santa Minia. Todos concorren nunha personalidade excepcional para se incorporaren nunha obra absolutamente singular.

Parabéns ao Alcalde, don Xosé Luis García, a Alberto Álvarez Escudero, a Xosé Vázquez Castro e á veciñanza de Brión, aos mahianos todos, pois o seu concello e o seu val relumbran por dereito propio no mundo da arte, da cultura, e fanno desde este lugar onde o mundo deu en ser unha pequena aldea global e milagreira, certificando que unha musa moi especial, Santa Minia, segue a faceres milagres.

 

Alberto Barciela es periodista

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar