Últimos días para presentar traballos ao XV Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración

O vindeiro 31 de maio remata o prazo para presentar traballos para o XV Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O obxectivo do certame é recoñecer a calidade de obras literarias para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez. Ao premio poden concorrer autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. As obras, de temática libre, han de ser inéditas, orixinais e acaídas para o público infantil ou xuvenil, e terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, fonte Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado 1,5.

A presentación dos orixinais poderá realizarse de maneira presencial entregando un exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior “Para o XV Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración” na Deputación de Ourense, na Oficina de Asistencia ao Cidadán en materia de Rexistros, ou remitindo por correo certificado o exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior “Para o XV Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración”, ao enderezo: Deputación Provincial de Ourense, Rexistro Xeral, rúa do Progreso, 32 (32003 – Ourense).

As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI. Se as obras se remiten por correo certificado, deberá remitirse por correo electrónico á dirección publicacions@depourense.es unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal. Os interesados en participar teñen de prazo para presentarse ata o día 31 de maio de 2018.

O premio, que poderá ser declarado deserto no caso que o xurado así o considere, está dotado con 1.500 euros.

O xurado do certame estará composto polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa na que delegue, e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia, actuando de secretaria a Xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue.

A Deputación de Ourense, resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada. Asemade, os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Rematado ese prazo os que non se retiren, serán destruídos.

Unha vez fallado o premio de narración convocarase o premio “XV Pura e Dora Vázquez” de Ilustración. As obras presentadas nesta modalidade tomarán como base o texto premiado na modalidade de narración.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, en narración e ilustración, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal nas condicións establecidas na Ordenanza reguladora de Publicacións publicada no BOP do día 19 de novembro de 2013.

As bases poden consultarse no seguinte enlace:

http://www.depourense.es/images/pdf/premios/XVpremio_pyd.pdf

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar