A ‘división’ dos galegos

“O somos gallegos o no nos entendemos”. Así di un refrán castelán que, co tempo, foi asumido na Galiza como “Somos galegos e non nos entendemos”. Outra mostra máis de colonización que fai que o pobo galego interiorice e adopte como certos, defectos que el non ten, pero que os utilizan ou lle impoñen os de fóra.

O dito español vén do século XV, cando os denominados Reis Católicos, obrigan aos nobres galegos a formar un exército para ir loitar a conquista de Granada.

Moitos non estaban por esas, pero apañar apañaron a forza tres Terzos que se xuntaron en Benavente. Alí, os nobres Moscoso e Soutomaior, con mando en tropa, seica discutiron como debía de ser a orde de marcha. Custoulles chegar a un acordo, que decidiron votando en sortes logo dunha regueifa. E seguiron cara Valladolid, pero, chegando alí, os reis destituíron aos galegos do mando e puxeron a capitáns da súa confianza. A desculpa foi a de “son galegos e non se entenden”. De aí ven o dito.

Podemos ir, se queren, alá atrás, ou aínda máis, e verán como o refrán mente, aínda que o dito se veu usando teimundamente, mesmo por intelectuais e pensadores nacionalistas. Non hai máis que procurar no dereito consuetudinario galego para comprobar a súa falsidade. Podería sobrevivir tantos séculos o dereito xermánico, que aínda se aplica nos montes veciñas se os galegos non nos entendéramos? Podería sobrevivir o reparto das augas, das regas, os muíños e fornos comunais…?

Poderían permanecer os traballos comunitarios para arranxar regos, camiños… A gandería comunal das bestas do monte… Ou unha agricultura onde, pola súa estacionalidade, moitos traballos non se poderían realizar sen o apoio comunitario…? Ou as asociacións da diáspora. Traio aquí a trola da división dos galegos, pois é una ladaíña que moitos medios de comunicación veñen repetindo desde hai anos no 1º de Maio. Non a repiten os medios vascos, onde hai tres manifestacións, nin os medios cataláns con catro.

Repíteno en Galiza, até ser asumido pola maior parte da poboación, porque ao poder máncao a existencia dun sindicato nacionalista como a CIG, capaz de disputarlle a primacía aos sindicatos estatais nas eleccións sindicais, sen ser submisos aos gobernos ou asinar pactos antinatura a cambio da súa supervivencia financeira.

Unha supremacía que xa gañou a CIG hai anos na rúa, como se pode ver nas mobilizacións. Por certo, este ano a manifestación central da CIG en Vigo case dobrou a da UGT e Comisións.

Uns medios que tampouco explican cales son as diferenzas que os separan e que defende cada quen. Non vaia ser…

O da nosa división non só é unha invención exterior, senón un recurso usado acotío para a nosa dominación.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar