Profesores e alumnos

Nas noticias coas que a diario nos bombardean os medios informativos, é difícil apreciar evolución, e hai determinados temas que ou non envolucionan ou fano dun xeito imperceptible.

Nos informativos, no último ano, tema preponderante é Catalunya, pola evolución do independentismo, a radicalización dunha parte da sociedade, e a fractura que parece irreversible que producen na sociedade as estridencias dos independentistas e a violencia que as posturas enconadas van provocando.

Unha das últimas noticias do eido educativo e social en Cataluña é a denuncia da Fiscalia contra nove profesores do instituto de Martorell por sinalar a fillos de membros da Garda Civil para avergoñalos diante dos seus compañeiros, facendo notar os presuntos desmáns e excesos das forzas de orde público con motivo do pretendido Referendum do 1 de outubro.

É difícil comprender un comportamento así nuns profesionais do ensino, chamados a harmonizar comportamentos de rapaces, facelos medrar en coñocementos e en relación cos demais, facendo o contrario do que nos indica o que os galegos chamamos “sentidiño”.

E iso nun tempo no que o imperio da Lei é o que nos goberna, aínda cos naturais defectos de calquera obra humana, o que me dixo retrotraerme ao Vilalba de hai sesenta anos, no que a garda civil non era –non podía ser- tan escrupulosa co dereito das xentes, e os seus excesos aínda moitos anos despois, eran disculpados polas autoridades competentes.

Lembro que a efectos escolares os fillos dos obreiros codeabámonos cos de profesións liberais, e cos de familias ben situadas, e os dos gardas civís do cuartel andaban polo medio de nós sen que ninguén ousase nin siquiera pensar que puidesen ser máis responsables do que pasaba arredor ca calquera de nós.

E iso que daquela a Garda Civil era por inercia un corpo represivo, sen moita formación, brazo executor dun réxime inflexible. E podía haber conciencia de que o papel da garda civil era tan dictatorial coma o goberno. Pero os nenos eramos nenos, e aprendíamos a convivir. Sesenta anos despois non só non se avanzou nada senón que se retrocedeu varios séculos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar