Galicia presenta esta semana a sua oferta turística no País Vasco

A oferta turística galega promoverase ao longo desta semana nunha das feiras especializadas máis importantes de España. Trátase do certame Expovacaciones, que se celebrará entre os días 4 e 6 de abril no recinto feiral Bilbao Exhibition Centre (BEC).

Esta é unha feira de carácter profesional que tamén está aberta ao público xeral e que conta cunha gran concentración de visitantes, xa que é o certame con máis tradición dos que se celebran no País Vasco no ámbito turístico.

Este certame constitúe para Turismo de Galicia unha cita idónea para a promoción da Comunidade de cara ao público final no País Vasco ademais de contar coa presenza dos operadores turísticos máis importantes desta comunidade autónoma.

Nesta edición, Turismo de Galicia estará presente cun recinto de deseño de 48 metros cadrados de superficie que difundirá a oferta turística xeral da Comunidade galega, reforzando a promoción do Parque Nacional Cies-Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra como candidatas a Patrimonio da Humanidade, ademais de difundir o Camiño de Santiago.

Demanda turística
Polo que respecta á demanda turística, no primeiro trimestre deste ano 2018 rexístrase un comportamento positivo do mercado vasco en Galicia, tendo en conta o aloxamento hoteleiro. Deste xeito, subiu a cifra de viaxeiros aloxados un 8,8%, así como o volume de noites, un 23,6% neste caso, en relación ao mesmo período de 2017.

O mercado vasco representa neste período o 3,3% do total da demanda estatal, incluíndo ao mercado interno. É o sétimo mercado en orde de importancia, e o sexto se temos en conta soamente ao receptor nacional, excluíndo ao turismo interno. Sitúase por detrás de Madrid, Castela e León, Cataluña, Asturias e Andalucía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar