Aí vén o maio florido… con estrelas, cruces e pancartas

Aí vén o maio florido… con estrelas, cruces e pancartas

Entre o rechouchio canta e cuca o cuco, despídese e vaise na busca de outras primaveras. Todo un símbolo do estoupar florido, recende o cinamomo e as flores silvestres. E aínda pesan as lembranzas daqueles maios de flores a María e a porfía. Así ven o Maio de flores cuberto… tal cal din as cantigas galegas. Na antigüidade mes consagrado á deusa romana Maia, da que deriva o nome de María e segundo a mitoloxía clásica a maior e a mais fermosa das sete Pléiades, as fillas de Atlas e da ninfa mariña Pleione. Así pois de apelido Atlánticas e Pléiades, fillas da confluencia do Cosmos e do Océano que non é pouco. Identificadas no ceo e na noite con esa constelacións de máis de catrocentas estrelas, na que se fan sobranceiras as sete máis escintilantes, as Pléiades. Tamén entre elas o cabalístico número sete. Estrelas que asoman polo hemisferio norte e que , no tempo que vai de maio a novembro están en conxunción co Sol. Meses recomendados, tanto para o traballo no agro como para saír da casa ou pra embarcarse en periplos, en odiseas mariñas de futuro incerto. Asuntos ben sabidos polos tartésicos como polos magos e as meigas destes nosos confíns, coincidentes cos da milenaria tradición china e mesmamente maia, casualidades? Universo de saberes confundidos en mitos e ritos que, dende tempos do Megalitismo, “orientarán” construcións con significación astral. Velaí que moitos templos gregos orientábase entre a posta e a saída das brillantes Pleiades. Veleiquí astroarqueoloxías para aquixotar e aluar mentes. Ao fin e ó cabo fomos, somos e seremos ínfimos anacos de estrela, poético po cósmico.

Para os clásicos a constelación das Pléiades representábase como sete aves, e así atopámolas nas lendas castrexas, asociadas a tesouros, como a da galiña cos sete pitos de ouro, tema moi representado no medievo e velaí documentado no medallón de bronce que si di atopado preto da fervenza do Xallas, no monte Pindo, do que se conserva debuxo e foto, coa representación das sete Pléiades a xeito de cabezas de ave. Tema e trama semellante ao que se repite nun tímpano da igrexa románica leridana de Cubells. Medallón e tímpano que no tema e no seu esquema compositivo, xeométrico, reiteran influenzas orientais, persas. Perda que esta peza, a que pertenceu á colección do decimonónico ministro masón Antonio Romero Ortiz, siga ilocalizable. Simboloxía en relación coas eternas preguntas que se fan no labiríntico camiño da vida cara á morte, xogo da oca: aves-ovos, caos-cosmos, principio-fin…

 Maio, tempo baril pra conxunción xeométrica dos Catro Elementos, propicio a aplicar saberes e traballo do agro, namentres as cerdeiras se ispen de flores, reverdecen e os verdes ruborizan as esféricas cereixas. Mes de nostalxias, no que se lembra aos paraísos perdidos e se celebra ao Árbore da Vida, árbores que afunden as súas raiceiras na terra e erguen ponlas á luz, para verdecer e dar flores que serán froitos e finalmente sementes… rexeneración. Paisaxe naif entre ramas de flores nas que zoan as abellas, tolean as bolboretas e rechouchían o merlo e o ouriolo… baixo a súa sombra acougan os labradores. Árbores de porvir, celebrados en todas as culturas, reconvertido polo cristianismo en Árbore de Redención, cosmogonía, cruz de sufrimentos, ascese e finalmente renacer en Pascua florida.

Primeiros días de maio, ponte festiva, pra avivar o profano e o sacro do panteísmo que caracteriza Galiza. Celébrase entón á árbore florida e faise en procesións de maios, efémeros monumentos tramados con follas, flores e restras de froitos, erguidos e levados en ándeas, procesión pagán pola praza e as rúas. Tempo no que se fai coincidir as romarías da Santa Cruz en moitas carballeiras ou amieirais, espazos abertos, onde mellor soa a gaita e o pandeiro. Tamén Andalucía, herdeira de tradicións levadas por conquistadores do norte, expón e fai concursos de cruces floridas. E por unha banda e outra, nos miles de santuarios que din gardar a reliquia dun Lignun Crucis, é o día dalo a bicar, de sacalo entre danzas ancestrais de cintas, bater de paus e arcas florais.

 Pero hai outras advocacións para este tempo, as do almanaque civil, substratos de cada tempo: no I Congreso Internacional dos Traballadores, celebrado en París no ano 1889 e a raíz dos acontecementos de Chicago, nos que os traballadores esixían a xornada de oito horas diarias, na busca dun mundo xunto e igualitario, acordouse que o primeiro día de maio, con tantos ecoares tradicionais, de traballo, florecer e madurar vermello, fose celebrado como a festa da paz e do traballo. Xornada dedicada ao proletariado, aos traballadores, unidos en manifestacións reivindicativas baixo os seus símbolos.

Nesas mudas festivas, ás que é tan propensa a igrexa nomeando e disfrazando santos á súa comenencia, no 1955, o papa Pío XII adxudicou a mesma data pra celebrar agora ao San Xosé Obreiro, o carpinteiro afeito ao que lle boten. O franquismo, o que dende os seus primeiros días do 37 suprime a celebración internacional do traballo, aproveita a norma vaticana para nesta súa ditatorial “reserva de occidente” imprimila de matices enxebres do nacionalcatolicismo hispánicos: demostracións sindicais, coros e danzas rexionais, folclorismo entre himnos e timbais, tapando en xogos de estadios os problemas, glorificando á trindade: deus, patria, ditador.

 Namentres en moitas aldeas sobrevivían as procesións, os disfraces de árbores… e os cantares retranqueiros, satíricos dos maio. Cidades e vilas que os retoman, que os fan seus, que avivan e espallan as vellas tradicións, Pontevedra ou Allariz son exemplares. Ancestrais tradicións da vella Gallaecia, dando puntual cumprimento a un ritual sacro-profano. A Gallaecia bracarense, reserva de identidade galaica, nunca deixou de man este días. Actividade que conleva preparación: armar estruturas de madeira, a xeito de conos, cruceiros ou calquera outro invento, para logo cubrilos de verde e de canta flor haxa, tamén con grilandas de laranxas, limóns e aínda con ovos e restas de chourizos… árbore de vida, precursor da Árbore do Nadal. Os nenos disfrázanse, cóbrense de verde natural, arremedando a árbores andantes; as nenas coróanse de flores, como putos de retablos barrocos… as limeiras das portas, as xanelas, os balcóns das casas tamén se revisten de flores… polícroma arte efémera, para logo recibir o paso dos maios, en padiolas, como ídolos, marcando o ritmo, batendo paus, cantando coplas satíricas nas que se critica ós vicios prendidos na sociedade. Homenaxe á árbore, ao ramo, símbolo de fartura nun tempo propicio de ritos de iniciación e de pasaxe. E no fondo a mesma mensaxe: defender a alegría do escándalo e da rutina, abandeirar a creatividade, a solidariedade, o traballo, a paz, floridas primaveras.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar