Lugo, polo fomento da cultura entre os máis novos

 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a nova programación gratuíta e xuvenil impulsada polo Concello, Ti que contas, un proxecto dirixido a mozos e mozas que se desenvolverá en diferentes xornadas de maio e xuño co fin de que os participantes se expresen e se comuniquen a través do cine, o teatro, a literatura, a danza ou a plástica.

No acto no que tamén estiveron presentes os coordinadores das actividades, María Valcárcel e Enrique Bonet, Carmen Basadre destacou que “levamos a cabo estas actividades culturais onde a creatividade é a protagonista, co fin de que rapaces e rapazas de 10 a 18 anos teñan a súa voz, tomen decisións, intercambien opinións, se fagan preguntas e fomenten o espírito crítico”.
Ti que contas terá lugar nos espazos exteriores do Vello Cárcere e dividiranse as persoas inscritas en tres grupos de idade: Grupo A para maiores de 18 anos, grupo B para rapaces e rapazas de 15 a 18 anos e un terceiro grupo C no que se inclúen todos os/as participantes entre 10 a 14 anos. Nesta programación cultural desenvolveranse os seguintes obradoiros:

•    Palabras, o 24, 25, 26 e 31 de maio e 1 e 2 de xuño; un obradoiro de escritura creativa, enfocado desde un ángulo divertido e dinámico, que potencia a creatividade e a interacción entre distintos grupos de mozos e mozas que dará como resultado un libro de artista cun autor colectivo.
•    Cinema, o 21, 22, 23, 28, 29 e 30 de xuño; unha actividade na que as persoas participantes poden coñecer os elementos básicos para construír unha historia cinematográfica desde os seus inicios ata obter o produto final, unha película elaborada polos rapaces e rapazas asistentes.

O horario para os grupos A e B será de 21:00 a 23:30 horas os xoves e venres e para o grupo C, os sábados, de 10:30 a 13:00 horas.
Nesta liña, a edil fixo fincapé no compromiso do Goberno polo fomento da cultura entre os máis novos, “con esta nova programación creamos unha plataforma xuvenil en torno á cultura e á creatividade, a través de diferentes disciplinas artísticas. Grazas as actividades que se realizarán nos obradoiros, os rapaces e rapazas desenvolverán unha aprendizaxe tanto a nivel persoal como colectiva”, sinalou.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a inscrición a través da seguinte plataforma habilitada: www.tiquecontas.es. A partir deste enderezo estableceranse os grupos de traballo divididos por idades.
Como broche de ouro á formación recibida, realizarase un festival cultural interdisciplinar no que se presentarán todas as historias creadas.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de información cidadá 010.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar