Acabar co libro galego

Afirma os que saben máis ca min, coma o presidente da Academia Galega, Victor F. Freixanes, que estamos a sobordar a “liña cero” na cultura galega, maiormente no sector editorial.

A situación é de especial gravidade, pois non é que se estea só a desmantelar un sector, importante aínda que sexa só desde o eido industrial, senón que se está a tronchar a capacidade de reacción para o futuro.

Por unha banda desaparecen de morte matada as estruturas básicas de creación, o capital humano necesario para construír o produto cultural: pechan as editoriais, os profesionais cualificados teñen que procurar novos mercados de traballo… E, pola outra, tamén pechan as librerías, as bibliotecas, modificando os hábitos e prácticas de consumo, mercados, estratexias de promoción… O libro galego faise cada vez máis invisíbel!

Os datos e os culpábeis están aí, sen que haxa que darlle voltas para albiscalos. É a política cultural da Xunta de Galiza desde a chegada de Núñez Feixóo a presidencia. E non, non foi por causa da crise, senón que esta foi a desculpa para instaurar unha política que aparece nos documentos da FAES e que abarcaba tanto ao idioma como a cultura galega.

Se fose unicamente culpa da crise, tamén deberían afectarlle do mesmo xeito ao sector no Estado e noutras comunidades. Por exemplo, en Cataluña os libros editados nos últimos catro anos aumentaron nun 25 %.

Os datos cantan… Ou choran?

O ano 2016 as xudas situáronse a niveis de 1996, cando contabamos cunha industria incipiente.

Na última década, a caída do orzamento foi do 52 %. Un total de 1,5 millóns de euros.

Na promoción da lectura pasouse de 1.120.000 euros no ano 2006 a 200.000 euros no ano 2016. E na promoción da edición en lingua galega de 758.000 euros a 348.460 nas mesmas datas.

A produción decreceu nun 47 %, deixándose de imprimir 1,5 millóns de libros.

Os gastos tiveron un decrecemento do 54,5, con 47 millóns de euros menos. Os ingresos dos editores reducíronse á metade, de 31,6 millóns a tan só 16,1 millóns de euros.

Na adquisición de libros para as bibliotecas a redución foi do 58 %, 2,4 millóns de euros, pechando máis de 100 bibliotecas.

Hai un dato ben significativo neste ano 2018. A Xunta gastou en publicidade na promoción do Día do Libro (23 de abril) 123.774,51 euros. Para todo este ano orzamentan 178.460.

Outro dato para ter en conta: o gasto da Xunta en cultura minguou desde o ano 2008 ao 2014 no 58,40 %.

Empurran a editoriais a pechar, pero rescatan a outras empresas.

Quen nos diría que íamos botar de menos a aqueles conselleiros de Cultura da dereita galega, Vázquez Portomeñe ou Daniel Barata!

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Ideal Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar