Ourense, centro da vangarda tecnolóxica co “II Congreso internacional de drons”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou xunto ao presidente e o vicepresidente da Asociación Galega de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (AGGETT), José Manuel Martínez e David Saavedra, a segunda edición do “Congreso internacional de drons”, que co-organizado pola Deputación de Ourense e a Asociación galega de enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións, terá lugar os días 24 ao 26 de maio en Ourense, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e no Auditorio municipal de Ourense. Ao longo das tres xornadas, técnicos, empresarios e entusiastas desta innovación tecnolóxica analizarán os últimos avances no sector dos drons, as aplicacións e os servizos, así como as liñas de investigación que se están a desenvolver y as diferentes oportunidades de emprego e negocio que ofrece este sector.

Manuel Baltar destacou “á provincia de Ourense como impulsora de iniciativas de innovación e creatividade” e puxo como exemplo o Marcos das industrias culturais e creativas, o “Ourense ICC Week”, que se inaugura o vindeiro mércores, “e sinaladamente este II Congreso internacional de drons, “un evento que incidirá na nova lexislación e na normativa do sector, ademais de analizar en profundidade as novidosas aplicacións destes dispositivos aéreos, entre as que destacan as agrícolas-forestais, uns dos principais ámbitos de actividade económica da provincia de Ourense nos que se estuda integrar os avances tecnolóxicos dos drons neste e noutros sectores para continuar á vangarda e seguir incrementando a competitividade”.

O presidente do goberno provincial remarcou “o grande nivel de innovación e investigación dos enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións en Galicia, que desenvolven o seu labor en campos como o control, a transmisión de sinais, audio, vídeo, sensorización e tratamento de datos, aplicados aos drons, o que fai que sexamos punteiros neste ámbito e teñamos un recoñecido prestixio mundial”.

José Manuel Martínez subliñou que o congreso “achegará unha reflexión sobre a transcendencia das denominadas novas tecnoloxías aplicadas aos drons, un ámbito no que Galicia destaca ao contar con enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións que son un referente internacional”. O presidente da AGGETT agradeceu á Deputación de Ourense e a Manuel Baltar “o compromiso coa vangarda tecnolóxica neste sector” e dixo que o congreso “contará coa participación de máis de 50 relatores que exporán os seus traballos en 20 mesas redondas”.

O congreso comezará o día 24 de maio, ás 10.00 horas, cunha mesa redonda sobre “Análise do estado normativo español e europeo para o uso dos UAVS”, e cun encontro entre a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) con representantes das Administracións Públicas. De seguido, debaterase sobre “Ciberseguridade, un novo reto para os drons; e posteriormente analizaranse as oportunidades para as tecnoloxías e os servizos baseados en vehículos autónomos en H2020 e iniciativas europeas paralelas. Esta primeira xornada tamén incluirá relatorios sobre o plan estratéxico para o desenvolvemento do sector civil dos drons en España; e senllas mesas redondas nas que se analizarán: “O espectro radioeléctrico e a integración dos drons”, e as “Aplicacións agrícolas e forestais”.

Na segunda xornada do congreso terán lugar reunións entre a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e as operadoras e tamén coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e no que atinxe ás mesas redondas debateranse os seguintes temas: “Sistema de inspección industrial por contacto para drons”, “Drons e universidade”, “Aplicacións profesionais en diversos sectores”, “Integración con aeroportos e infraestruturas internacionais”, “Casos de éxito das operadoras e como diferenciarse no sector”, “Uso dos drons en seguridade e emerxencias”, “Análise do ámbito afeccionado actual e perspectivas de futuro”, e “Seguridade nos drons”.

O programa da derradeira xornada céntrase nas últimas aplicación dos drons, en concreto debaterase sobre “Control e xestión do lixo mariño a través de vehículos non tripulados”, “Fotogrametría, agroforestal e sistemas LIDAR”, “Smart cities, loT e mobilidade urbana” e “U-Space. O gran reto para os drons”.

Para máis información: http://dic.aggett.es/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar