Santalices abríu co pregón a Feira do Queixo da Ulloa

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, pronunciou en Palas de Rei o pregón da XXVI Feira do Queixo da Ulloa, Productos de Calidade e Turismo Sostible, onde enxalzou as características desta comarca e animou a consumir queixo do país.

Recordou Santalices a pelerinaxe efectuada por Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey no verán de 1927 entre Ourense e San Andrés de Teixido, un percorrido a pé que levaría a Otero a destacar a “fartura” e as “boas terras” da comarca da Ulloa, con “montañas esgrevias” que “teñen moitas veces máis zume vital que os vales farturentos”.

Para Santalices, esta comarca é unha “terra privilexiada polos tesouros ambientais e monumentais que acubilla”, pero tamén “unha despensa farturenta” que destaca pola calidade de produtos como a carne ou o queixo, cunha “fama que traspasa fronteiras”.

Referiuse Santalices o modo de vida tradicional, “unha vida dura, heroica, que aínda hoxe recordamos, nalgúns casos idealizada, pero que case ninguén quere que volva”. A xuízo do presidente do Parlamento, nas pasadas décadas, “Galicia mudou moito, e foi en boa parte grazas ao ingreso de España en Europa, unha Europa que aquí resultaba familiar pola Ruta Xacobea”. Ese avance, traduciuse, como sinalou o pregoeiro, nunha mellora da calidade de vida das persoas, e tamén da calidade, o control sanitario e as canles de comercialización de productos locais como o queixo da Ulloa.

“Atrás quedou aquela vida de esforzo e de penurias nunca suficientemente recoñecida, sobre todo para as mulleres, as auténticas heroínas da Ulloa e de Galicia enteira”, subliñou o presidente do Parlamento. Ás mulleres da Ulloa, “as verdadeiras artífices da feira que hoxe celebramos”,

“Foron as mulleres, as queixeiras de onte e de hoxe –dixo-, as que perpetuaron e transmitiron os saberes centenarios relacionados coa elaboración do queixo, un dos máis apreciados polos consumidores. E iso nunca é froito da casualidade, senón do traballo calado e do saber facer legado xeración tras xeración”.

Sobre o produto enxalzado nesta feira, Santalices apuntou que “como galego, e como médico, recomendo sempre os nosos queixos. Son un alimento único, apto para case calquera persoa”.

O titular do Lexislativo galego aproveitou o seu pregón para convidar aos asistentes a coñecer e visitar o Parlamento de Galicia. “As nosas portas están sempre abertas e estaremos encantados de recibilos. Porque o Parlamento non é noso, non é dos deputados. É da xente. De todas e todos vostedes. Por iso deben coñecelo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar