Gonzalo Caballero destaca en Ponteareas “un cambio no que os galegos poden confiar”

 O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou cando se cumpren seis meses do congreso no que foi ratificado como líder dos socialistas galegos, a súa vila natal, Ponteareas. Dende alí destacou que este medio ano ten sido de “un traballo intenso” para “cimentar a nova etapa do PSdeG” e amosar un partido que “representa un cambio no que os galegos poden confiar”.

Na liña dese “cambio fiable” para “poder conectar coa maioría social de progreso”, Gonzalo Caballero avanzou que o PSdeG está preparado para “ir a por todas” nas vindeiras citas electorais.

“Queremos dicir a Galicia que o PSdeG está fortalecido e renovado para ser o cambio no que os cidadáns poden confiar para unha nova etapa política en Galicia”, proclamou o secretario xeral, en compañía da tenente de alcalde de Ponteareas, Chus Garrote, membros do grupo municipal socialista e o exalcalde da vila, Francisco Candeira.

Quen ten sido, segundo as súas palabras, “un militante inconformista” do PSdeG, resaltou que acadou as súas actuais responsabilidades á fronte do partido “co apoio da militancia para dar un cambio político a Galicia”.

“Queremos facelo en contacto coa Galicia máis urbana, máis puxante, e tamén coas vilas e os concellos máis pequenos”, aseverou Gonzalo Caballero, partidario de seguir “a pé de país” para chegar a todos os municipios. Nesa liña, aproveitou para poñer en valor o traballo dos socialistas ponteareáns dende o goberno local, facendo un pobo “máis habitable, humanizado e cómodo” e poñéndoo “ao servizo dos cidadáns”.

 

“A MELLOR POLÍTICA MUNICIPAL”

 

De feito, o secretario xeral sostivo que “o PSdeG representa a mellor política municipal” para Ponteareas fronte a “outros tempos”. Agora, resaltou, o importante programa de obras posto en marcha enfocado a “mellorar a calidade de vida dos veciños” e construír a Ponteareas “do século XXI”.

Pola súa banda, a tenente de alcalde de Ponteareas, Chus Garrote, asegurou que “o goberno de Ponteareas e os socialistas demostramos que sabemos gobernar mellor, que sabemos xestionar os cartos dos nosos veciños mellor que a dereita e sempre pensando no benestar dos nosos veciños”. O PSdeG-PSOE de Ponteareas está preparado para gañar as eleccións municipais e para que Ponteareas teña a primeira alcaldesa socialista da súa historia, engadiu.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar