Ana Pontón: “Pediremos no Parlamento a reprobación dos xuíces da sentenza machista da “Manada”

A portavoz do BNG Ana Pontón, abriu as xornadas de traballo organizadas en Pontevedra baixo o título “Retos dende Galicia” para avanzar en feminismo proclamando o seu orgullo de vivir nun país que sae á rúa para deixar claro que as mulleres non están dispostas a calar ante sentenzas “que destilan o máis rancio machismo xudicial” alentando a impunidade dos violadores e deixando indefensas ás vítimas.

Ante o fallo xudicial do coñecido como Caso da Manada, Pontón anunciou que o Bloque vai levar ao Parlamento unha proposta de reprobación dos xuíces que ditan a sentenza ao entender que se trata dun caso de machismo xudicial que afecta a todas as mulleres.

“Rexistraremos iniciativas na Cámara para reprobar a estes xuíces machistas, reclamar que as agresións sexuais sexan xulgadas como casos de violencia de xénero e promover os cambios que sexan necesarios para que os xuíces que emiten sentenzas machistas, -porque está non é a primeira nin é a única, teñan que ser apartados da carreira xudicial”, argumentou Pontón.

A dirixente do Bloque alega que esta sentenza “non é un problema puntual ou individual, senón un caso máis de machismo xudicial que nos afecta a todas, e non imos permitir que nin a manada, nin os xuízos que amparan a súa violación se saían coa súa. Xustiza é a que trata con dignidade ás mulleres”, salientou. Pontón quixo tamén enviar unhas palabras de alento e solidariedade coa moza que denunciou os feitos: “Nós si que te cremos, a ti e a todas as vítimas das agresións sexuais”.

Para a portavoz do BNG “non valen as equidistancias” nen as cortinas de fume en forma de debates sobre o código penal. “Que se cambie o que se teña que cambiar pero tamén é evidente que coa actual lexislación eses cinco machotes podían ter sido condenados por violación cando menos ao 22 anos de pena que solicitaba a Fiscalía, e non se pode tolerar que as mulleres sexamos tratadas como cidadáns de segunda, xa está ben de soportar tanta discriminación”.

Para loitar contra esa discriminación e contra un poder xudicial “ao servizo do machismo, do patriarcado e de manter o status quo”, Pontón ve imprescindible “fortalecer o feminismo organizado en Galicia e un feminismo forte no ámbito político, e o BNG está disposto a situar ao feminismo no centro do debate tendo en conta as particularidades dun país que non ten poder político real”.

“Iso provoca que soportemos máis paro, peores salarios, emigración e se hoxe no Estado se puxera cara á desigualdade sería a dunha muller galega pensionista, síntoma de que a dependencia política que soportamos fai necesarias propostas específicas sen caer nun feminismo de corta e pega que non atenda a nosa realidade, non para afastarse senón para ampliar as zonas de contacto que nos permitan entender as causas da desigualdade e combatelas”, explicou a dirixente do Bloque.

Pontón lembrou que o feminismo está na “base fundacional” do BNG, que foi esta forza política á que en 1996 impulsou dende o Congreso a despenalización do aborto e que foi tamén o Bloque quen,  desde o Goberno da Xunta, fixo posible en 2007 a Lei e violencia de xénero máis avanzada de todo o Estado convertida nunha referencia.

A xornada “Retos desde Galicia” para avanzar en feminismo celebrouse nun contexto de mobilización masiva do pasado 8M e no medio da onda de indignación social contra sentenzas xudiciais que desamparan ás vítimas de violencia machista.

Coordinada polo responsable de Acción Feminista, Noa Presas, contou con tres grupos de traballo e de debate: Accións e mobilizacións a realizar, a cargo de  Carme Fouces e Sabela Bará; Participación e implicación no feminismo, por Rebeca Cambeiro e Concha de la Fuente e Conciliación dos tempos das nosas vidas, por  Elvira Lombao e Ana Gundín.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar