Os trapeiros dos Vilares

Na Terra Cha, os trapeiros itinerantes que coñeceron os nosos pais ou avós, viñan de Os Vilares de Parga, concello de Trasparga, hoxe de Guitiriz, berce do poeta Xosé Mª Díaz Castro.

Eran labregos e gandeiros durante a primavera, o verán e o outono, pero no inverno botábanse a camiñar e chegaban a Vilalba, a Mondoñedo, ás Pontes e máis aló, buscando trapos e levando a cambio marabillas de louza para intercambiar, e eu souben deles desde os primeiros anos da vida pois miña nai contábame que cada inverno, polos montes do Freixo, territorio das Pontes, chegaban os trapeiros a comerciar, a convivir durante unhas horas con aquelas xentes, levando mercancías e novas de terras daquelas moi lonxanas, case exóticas.

Agora, non quedan trapeiros, que o vendaval da modernidade barreu con aquel modesto e sacrificado comercio, auténtico pioneiro da reciclaxe pois dos trapos sen uso obtíñanse tecidos para unha nova utilización. Pero nos Vilares rexurdíu o espíritu trapeiro, o recoñecemento ao traballo dos devanceiros, a dignificación dunha profesión difícil, da que son herdeiros materiais e morais a práctica totalidade dos habitantes dos Vilares. E unha asociación cultural -Os Vilares, lareira de soños- está revolucionando os aires vilaregos, prestixiando a herdanza e as lembranzas, e por iso cada ano buscan os máis destacados dos seus veciños para nomealos “Trapeiros de honra”.

E foi a comezos de abril cando nos xuntamos na igrexa dos Vilares para, como nunha “experiencia relixiosa” proclamar “Trapeiro de Honra 2018” a Raul Río, vilarego, neto de trapeiros, emigrante consciente que sempre volve, que no país vasco onde vive a metade do ano espalla galeguidade, e cando está nos Vilares é un vilarego especial, servicial, firme e entregado, que tanto é escultor e fai para a súa parroquia un busto de Díaz Castro como fotógrafo-cronista de todos os acontecementos culturais e sociais que se celebran nas terras guitiricenses.

Desde agora, é “Trapeiro de honra”, que é a maior distinción que pode ter un vilarego, que é honra para el e para os seus devanceiros, e é mostra de que nos Vilares, “os vellos trapeiros nunca morreron”, e, en espíritu –aquel espíritu sacrificado e aventureiro- seguen vivindo entre nós.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar