O termalismo de Ourense, en París

 

O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, participou en Enghien-les-Bains (Francia) na reunión do comité executivo da Asociación europea de cidades históricas termais (EHTTA), no que se deu conta dos proxectos termais desenvolvidos polos territorios que abrangue esta asociación e se analizou o vindeiro cumio termal europeo, que terá lugar en Ourense en outubro, con 40 representantes de 13 países.

O termalismo da provincia de Ourense foi o protagonista desta xuntanza, celebrada preto de París, un plenario no que se puxo en valor o labor que desenvolve a Deputación de Ourense co Plan “Ourense, a provincia termal” e a firme aposta polo termalismo que realiza o goberno provincial ourensán “na defensa do sector termal como singularidade do noso territorio, destacando o potencial económico, turístico e de saúde que ten esta actividade”, dixo Pablo Pérez.

Na reunión deuse conta do programa que se desenvolverá en Ourense os dias 3, 4 e 5 de outubro na asemblea xeral da Asociación Europea de cidades históricas termais (EHTTA), e da cal o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é vicepresidente, unha rede termal que é a máis importante de Europa, na que están presentes cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital ourensá, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais. Na reunión de hoxe, na que tamén participou xunto a Pablo Pérez o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tratouse asemade a celebración do comité científico termal, que celebrará a súa xuntanza en Ourense o día 3 de outubro.

Ademais de debater, programar e coordinar os proxectos futuros que se levarán a cabo, na reunión tamén se presentaron os novos membros da asociación e se fixo balance das actividades desenvolvidas ao longo de 2017.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar