A Deputación de Ourense destina 15 millóns á cooperación cos concellos de cara á “débeda cero”

 O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de abril, destinar preto de 15 millóns de euros (14.878.089 €) a cooperación con concellos e entidades, e para a amortización de préstamo, dando así un paso contundente cara a “débeda cero”, que a institución provincial ten previsto acadar en maio de 2019. Neste sentido, pleno aprobou o expediente de modificación orzamentaria para temas económicos e axudas nos ámbitos social, cultural, administrativo, deportivo, medioambiental e de infraestruturas.

Tamén ratificou o plenario, por unanimidade, a decisión de iniciar o expediente de concesión da medalla de ouro da provincia ao filólogo e etnógrafo Eligio Rivas; e aprobou solicitar da Xunta de Galicia a creación na cidade de Ourense do Centro de Interpretación da Vía da Prata-Camiño Mozárabe como parte das accións que o goberno galego proxecte cara ao “Xacobeo 2021”, iniciativa na que a Deputación de Ourense porá a disposición da Xunta as instalacións necesarias para a apertura do dito centro. A corporación provincial acordou, asemade, solicitar do Ministerio de Defensa a creación dunha base da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na provincia de Ourense; e aprobou o Programa de cooperación cos concellos para a súa adaptación ao regulamento europeo relativo á protección de datos.

Acordos do pleno:

EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS E DAS BASES DE EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS DO INORDE N.º 2/2018

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente o expediente de modificación das bases de execución dos orzamentos do INORDE n.º 2/2018, modificando a base quinta para cambiar o obxecto da subvención e o beneficiario das seguintes:

Beneficiario

Nova finalidade

Importe

Asociación Os Cogordos

Adquisición de lupas, reactivos e material informático para actividades de microscopía.

3.000,00 €

Asociación Empresarios do Ribeiro

30 aniversario dos establecementos asociados do Ribeiro 2017.

3.000,00 €

Beneficiario

Novo beneficiario

Nova finalidade

Importe €

Governance and Economics Research Netwoir GEN +

Universidade de Vigo

Actividades 2018

50.000,00 €

2º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público tralo anuncio no BOP, por quince (15) días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado, se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

ADHESIÓN AO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A AEAT E A FEMP PARA A RECADACIÓN EN EXECUTIVA DOS INGRESOS DE DEREITO PÚBLICO DAS CORPORACIÓNS LOCAIS

Acordo:

1º) Solicitar a adhesión íntegra da Deputación Provincial de Ourense ao convenio de colaboración entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias para a recadación en executiva dos ingresos de Dereito público das corporacións locais, publicado no Boletín Oficial do Estado n.º 119, do 19 de maio de 2011.

2º) Remitirlle ao Departamento de Recadación da Axencia Estatal de Administración Tributaria, por conduto da FEMP, a solicitude de adhesión pleno ao convenio, conforme co modelo de protocolo de adhesión que se inclúe neste.

EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA POR SUPLEMENTO DE CRÉDITO E CRÉDITO EXTRAORDINARIO N.º 1/2018

Acordo:

Aprobar inicialmente o expediente n.º 1/2018 de modificación de créditos para o exercicio 2018 da Deputación de Ourense, que ascende a un total de 14.878.089,73 euros.

PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS E MANCOMUNIDADES PARA A SÚA ADAPTACIÓN AO REGULAMENTO (UE) 2016/679 DO PARLAMENTO EUROPEO E DO CONSELLO DO 27 DE ABRIL DE 2016, RELATIVO Á PROTECCIÓN DAS PERSOAS FÍSICAS NO QUE RESPECTA AO TRATAMENTO DE DATOS PERSOAIS E Á LIBRE CIRCULACIÓN DESTES DATOS

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente o Programa provincial de cooperación cos concellos e mancomunidades para a súa adaptación ao Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento xeral de protección de datos), conforme coas bases seguintes:

Obxecto:

1. Constitúe o obxecto destas bases a regulación do Programa de cooperación cos concellos e mancomunidades para a súa adaptación ao Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

2. Este programa desenvolverase mediante a concesión de subvencións ás devanditas entidades locais para o financiamento das actividades necesarias para lograr a súa adaptación ao RGPD. A finalidade da subvención é colaborar economicamente cos concellos no cumprimento das obrigacións legais que veñen impostas pola citada norma comunitaria.

3. As actuacións subvencionadas poderán realizarse mediante calquera modo de xestión dos previstos na lexislación de réxime local, sendo subvencionables todos os gastos directos do servizo. Exclúense os gastos indirectos, así como os definidos como non subvencionables nos apartados 7 e 8 do artigo 31 da Lei xeral de subvencións.

RATIFICACIÓN DA DECISIÓN DE INICIAR O EXPEDIENTE DE CONCESIÓN DA MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA DE OURENSE A DON ELIGIO RIVAS QUINTAS

Acordo:

Ratificar a providencia da Presidencia, do 9 de abril de 2018, pola que se incoa o expediente para o outorgamento da medalla de ouro da provincia de Ourense ao insigne escritor ourensán don Eligio Rivas Quintas.

CREACIÓN DUNHA BASE DA UME NA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

Solicitar do Ministerio de Defensa a creación dunha base da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na provincia de Ourense, para o cal a institución provincial prestará toda a súa colaboración a través dos seus servizos técnicos na procura do mellor emprazamento posible.

APOIO Á DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO EIXO ATLÁNTICO DO NOROESTE PENINSULAR SOBRE O CORREDOR EUROPEO DE TRANSPORTE FERROVIARIO

Acordo:

Que a Deputación Provincial de Ourense apoie a declaración institucional sobre o Corredor Ferroviario de Mercancías Atlántico pactada no Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular co seguinte texto:

Galicia ten unha posición xeoestratéxica privilexiada no Atlántico, baseada nas súas conexións co continente americano no seu conxunto e con Asia a través da canle de Panamá. Conta con cinco portos de interese nacional que, unidos aos portugueses constitúen un potentísimo sistema de comunicacións por mar na fachada atlántica da Península Ibérica. Todo iso configura un extraordinario potencial de desenvolvemento económico que pode e debe confluír nun hinterland que inclúa toda a Galicia interior, o Bierzo e o norte de Portugal. O desenvolvemento da fachada atlántica é un punto de equilibrio con respecto ao Mediterráneo, e é básico para reforzar a cohesión entre unha zona demograficamente moi poboada e con satisfactorios índices de desenvolvemento, e outra en alerta vermella demográfica e cuns indicativos sensiblemente inferiores.

Este desenvolvemento só pode lograrse creando as condicións necesarias para que todo o potencial marítimo existente se traduza dunha vez en crecemento económico, a través da transformación, pero sobre todo da loxística e a distribución. Para iso é absolutamente imprescindible dotar a esta rexión de comunicacións rápidas e modernas co centro da península e co resto de Europa. É así mesmo necesario que Galicia e o noroeste de Castela e León teñan unha conexión ferroviaria de mercadorías, que tamén sirva para pasaxeiros, coas prestacións e competitividade das novas liñas ferroviarias europeas, que están a ser impulsadas pola Comisión Europea dentro do que se chamaron corredores ferroviarios. Galicia debe integrarse no Corredor Atlántico que parte de Aveiro e que, pasando por Palencia e Euskadi, enlaza con Francia. Debe facelo coas mesmas condicións de velocidade e con idénticas características técnicas que as que teñen o resto de corredores, xa que é a única maneira de que as mercadorías que accedan a través dos portos do Atlántico poidan competir cos que chegan aos do Mediterráneo.

Este acceso ferroviario debe ser construído enlazando Lugo con Ourense, por Monforte, O Barco e Ponferrada. En Monforte debe impulsarse de forma definitiva o porto seco, como nó loxístico do interior galego, básico para o desenvolvemento ferroviario do noroeste peninsular. Na capital do Bierzo é tamén absolutamente preciso avanzar na posta en marcha do Enclave Loxístico da Rede Cylog, fundamental para a boa evolución da competitividade nesta comarca. O acceso deberá confluír co Corredor Atlántico en Palencia, integrándose desta maneira nel, tal e como se contempla nos documentos da Comisión Europea.

Non loitar por estes obxectivos sería apostar pola descohesión e a asimetría económica e social entre o Atlántico e o Mediterráneo ibérico, condenar ó subdesenvolvemento e ó despoboamento ós eixos interiores de Galicia e noroeste de Castela e León (O Bierzo) e provocar a degradación progresiva dos portos galegos, condenándoos á súa total desaparición do mapa portuario e económico europeo. Os representantes sociais e políticos de Galicia e O Bierzo, reunidos no Barco de Valdeorras o 16 de marzo de 2018, lanzamos esta voz de alarma antes de que perdamos –literalmente– o último tren, coas consecuencias que iso tería. Manifestamos por tanto o noso firme e decidido apoio a esta iniciativa, e solicitamos do goberno español as medidas políticas, administrativas e financeiras necesarias para o impulso inmediato á liña ferroviaria Ourense/Lugo–Monforte–O Barco de Valdeorras–Ponferrada–Palencia.

O proceso deberá iniciarse neste ano 2018, para que estea completado nun prazo que non prexudique á competitividade dos portos galegos e do resto do territorio. Os representantes das entidades, asociacións, sindicatos, concellos e grupos parlamentarios reunidos aquí comprometémonos a presentar e apoiar esta proposta nos nosos respectivos órganos de goberno, para lograr a aprobación da mesma.

PLAN REITOR DO PARQUE NATURAL DA BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS

Acordo:

1º.- Solicitar da Xunta de Galicia que a elaboración do Plan Reitor de Uso e Xestión se faga dun xeito consensuado cos propietarios do territorio, cos concellos afectados e cos diferentes colectivos implicados na xestión responsable e sustentable do medio ambiente que se preserva neste parque.

2º.- Solicitar que na redacción do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) se contemplen como mínimo, todas as zonificacións existentes respectando os usos e costumes da poboación que pertence e vive no parque, facilitando os seus labores tradicionais dentro dos limites legais que permite o parque.

3º.- Esixir que no Plan se introduzan os mecanismos económico-financeiros necesarios para atallar as deficiencias anteriormente numeradas.

4º.- Darlles traslado deste acordo ao presidente da Xunta de Galicia e á Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do territorio da Xunta de Galicia.

CREACIÓN DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA VÍA DA PRATA-CAMIÑO MOZÁRABE

Acordo:

1º.- Solicitar da Xunta de Galicia a creación do Centro de Interpretación da Vía da Prata-Camiño Mozárabe na cidade de Ourense como parte das accións que o goberno galego proxecte de cara ao Xacobeo 2021.

2º.- A Deputación de Ourense porá a disposición da Xunta de Galicia as instalacións necesarias para a apertura do centro, cuxa dotación correría a cargo do goberno autonómico seguindo a liña doutros centros referidos aos camiños de Santiago.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar