Abanca e a Federación Galega de comercio impulsan a copetitividade

ABANCA e a Federación Galega de Comercio (FGC) avanzan na súa estratexia conxunta de apoio aos negocios de proximidade. O banco e a asociación que agrupa aos comerciantes da comunidade renovaron hoxe en Santiago a súa histórica colaboración, que incorpora novas opcións de financiamento dirixidas a asociados e clientes.

Na firma do novo texto participaron o director de Rede Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa; o director territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez Álvarez; e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López. O convenio recolle as demandas do colectivo á entidade financeira, que se centran nunha atención máis especializada e novos produtos para gañar en competitividade respecto ás grandes superficies e os comercios online.

O acordo supón unha mellora substancial para os autónomos e empresarios deste sector nas condicións de contratación de determinados produtos da entidade financeira. Especificamente, os integrantes da FGC atoparán respostas para novos investimentos grazas a préstamos persoais ou hipotecarios, así como leasing mobiliario con xuros atractivos e un prazo de amortización de ata cinco anos.

As solucións de financiamento tamén inclúen alternativas como a póliza de crédito, que poderá ser a tipo fixo ou variable, con condicións melloradas. Neste epígrafe ABANCA tamén inclúe respostas a través de avais, liñas de comercio exterior ou desconto comercial, entre outros.

O texto rubricado por ambas entidades esténdese tamén a outros programas de financiamento oficial, grazas aos acordos firmados co Igape, o ICO e as sociedades de garantía recíproca. Os comerciantes tamén poderán acceder ao Plan Activamos, o programa de impulso financeiro lanzado por ABANCA e as catro deputacións galegas.

Os clientes dos establecementos tamén cobran protagonismo con este texto, xa que ABANCA habilita propostas de crédito adaptadas. Desta maneira, poden optar a financiamento áxil e directo no punto de venda grazas ao servicio APRAZOS, que se convirte nunha ferramenta útil para competir cos grandes establecementos.

Ao carón do comercio

A firma tamén serviu para avanzar no lanzamento da próxima campaña de promoción das compras nestes establecementos. A nova edición dos “Días azuis do comercio galego”, que puxeran en marcha as dúas entidades o pasado xunto á Xunta de Galicia, darase a coñecer nos vindeiros días. Repetirá a mecánica do ano pasado e permitirá gañar grandes premios a clientes e comercios.

ABANCA reforza con esta iniciativa o seu impulso ao comercio, un segmento clave da súa estratexia comercial. É por iso que os negocios contan cunha unidade propia, con xestores especializados e produtos adaptados á realidade do colectivo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar