Vigo crea un “Mapa Literario” con dez rutas para percorrer a cidade a través dos escritores

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou con motivo do Día do Libro o novo “Mapa Literario de Vigo”, unha iniciativa da Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios marcando os fitos literarios das obras.

Un mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este luns con motivo do Día do Libro o proxecto creado pola Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas para amosar a riqueza e importancia da urbe dentro da literatura.

“Estamos ante unha magnífica e imaxinativa iniciativa para divulgar o libro e a cultura de Vigo”, sinalou o alcalde durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación antes de felicitar aos responsables do proxecto e ás editoriais da cidade como Xerais, Galaixa ou Elvira.

O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.

O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.

Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.

As rutas están protagonizadas por autores como Julio Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María María Lado, Carlos G. Reigosa e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar