Premio “Carracedo”:A xornalista da Radio Galega Nuria López gaña a XVIII edición

 Unha serie de reportaxes radiofónicos, emitida na Radio Galega e da que é autora a xornalista Nuria López Presedo, gaña o XVIII Premio “Xosé Aurelio Carracedo” de xornalismo na súa convocatoria de 2018. O xurado, reunido hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, ditaminou outorgar o galardón, que concede a Deputación de Ourense, a Nuria López destacando “a calidade do seu xornalismo de investigación, que afonda na temática cultural desde o punto de vista do patrimonio”.

O premio, dotado con 3.000 euros e diploma, entregarase o vindeiro 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, presidido polo titular do goberno provincial, Manuel Baltar. O certame, que anualmente convoca a Deputación de Ourense, honra a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido en 1988.

O xurado destaca do traballo premiado a calidade do xornalismo de investigación que amosa, e o tema de actualidade que trata nesta serie de reportaxes, o cal permite tomar conciencia ao respecto do noso patrimonio, reforzando a identidade galega. Tamén remarca o xurado, desde o punto de vista periodístico, a estrutura narrativa das reportaxes, o enfoque dado á problemática e o labor de documentación realizado ao respecto das obras espoliadas.

Xurado do Premio.

Asemade, o xurado subliña a achega que fai a autora do traballo presentando unha valoración aberta e plural por parte de expertos, e destaca tamén o feito de que o traballo xornalístico sexa en galego, como tamén que esta serie de reportaxes afonde na temática cultural desde o punto de vista do patrimonio, un ámbito que non adoita a ter presenza nos medios de información tradicionais.

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, estivo integrado polo Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra; Carmen Prado Pico, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); Luis Álvarez Pousa, en representación da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e Abelardo Vázquez Pita, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez.

Nuria López Presedo é licenciada en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa na Radio Galega desde 1997, onde na actualidade é redactora do informativo Crónica das Dúas e do programa de reportaxes Panorámica, ademais de realizar colaboracións no Diario Cultural, no Convivir e no programa Un país mundial. Anteriormente desenvolveu o seu labor profesional en Radio Nacional de España, en Radiovoz, e colaborou en diferentes medios de comunicación de prensa e radio. Ten publicados os libros Os cadernos dun prisioneiro de guerra (2003), Rande, mito e realidade (2002) e Ángel Johán, retrato dun artista (2001). Foi galardoada en 2001 co XV Premio Literario “Ánxel Fole”, que concede o xornal El Progreso.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar