Convenio de termalismo entre a Deputación de Ourense e o Concello de Alcorcón

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Alcorcón, David Pérez, asinaron en Madrid un convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións para cooperar no acceso a servizos sociais de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo. Desta maneira, este municipio madrileño de 170.000 habitantes inclúese no programa “Ourense, a provincial termal” que desenvolve a Deputación, unha cooperación que destaca o presidente Baltar afirmando que a colaboración entre institucións, “neste caso no ámbito do termalismo, supón un paso máis na promoción da “marca Ourense” e unha maneira de estender as singularidades e a riqueza do noso territorio a outros grandes concellos e cidades de España”

Por medio deste convenio a Deputación de Ourense achegará ao municipio de Alcorcón información sobre o Programa que desenvolve a institución provincial no marco do Plan “Ourense, a provincia termal”, incluíndo a Alcorcón -un concello de máis de 170.000 habitantes- no listado público de administracións colaboradoras no apoio aos cidadáns na tramitación de prazas do programa. Asemade facilitará ao municipio soportes de difusión do programa para que poida xestionalo no sistema habilitado pola Deputación para os veciños empadroados no municipio de Alcorcón que así o soliciten.

A Deputación de Ourense desenvolve esta iniciativa social cun plantexamento innovador consistente na implantación, desde o ámbito local, dun programa de Servizos Sociais que xira sobre tres eixos: a prestación dun servizo de saúde, benestar e envellecemento activo, a través do termalismo social baseado nos beneficios das propiedades terapéuticas das augas minero-medicionais; a concepción do programa como un servizo social integral facilitando a mobilidade a través do uso do tren, e o avance da administración electrónica.

O programa de Termalismo Social que desenvolve a Deputación de Ourense oferta aos usuarios diferentes modalidades: un programa de estancias de 6 días e 5 noites en calquera balneario da provincia, con 10 técnicas de tratamento termal, tratamentos balnearios terapéuticos sen estancia, estancias de fin de semana con dúas técnicas termais, ou estancias de 6 días e 5 noites e o desprazamento en tren incluído, con dez técnicas termais.

Pola súa parte, o municipio de Alcorcón comprométese a tramitar as solicitudes do programa para os cidadáns empadroados no mesmo e facilitar información sobre o mesmo aos veciños que así o soliciten, así como colaborar coa Deputación de Ourense nas accións formativas e divulgativas que o concello estime de interese para a promoción do programa entre a cidadanía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar