Madrid: A Deputación de Ourense, premiada polo proxecto “Provincia Intelixente”

 A Deputación de Ourense foi premiada pola Asociación Premios Ciudadanos, polo seu proxecto de “Provincia Intelixente”, un galardón que recoñece esta iniciativa coa que o ente provincial pretende “converterse no “Concello de Concellos”, cunha xestión da información dos municipios desde un punto de vista único con tres obxectivos: cooperación, optimación de recursos e redución de custes, dialogando e xerando interfaces válidas e dinámicas entre o público e o privado e un equilibro entre a política e a tecnoloxía”, explican desde a asociación.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar foi o encargado de recoller o galardón en nome da institución, no Salón de actos da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e Axenda Dixital, en Madrid. Jorge Pumar explicou que este proxecto galardoado é “un dos catro obxectivos específicos do Plan de Mandato “Ourense 15-19”, e desenvólvese en tres liñas principais: a administración electrónica provincial, a intelixencia de información provincial e a toma de decisións intelixentes”. Asemade, o vicepresidente segundo do goberno provincial salientou que o proxecto “Provincia Intelixente” “favorece a creación dun ecosistema inversor de grandes compañías tractoras e de pequenos inversores que desenvolvan produtos entorno ao concepto Smart. Os obxectivos son: mellorar o modelo de gobernanza dos municipios, permitir e impulsar gobernos abertos e transparentes, mellorar a calidade dos servizos prestados e do medio ambiente, reducir os gastos públicos a través dunha mellor coordinación, apoiar e mellorar a toma de decisións e fomentar a innovación e o emprendemento”.

A Deputación de Ourense comparte galardón con outras entidades do ámbito privado como Samsung, premiada polo proxecto Samsung Smart School; Novartis, pola estratexia de Comunicación en Saúde coa cidadanía; ou Janssen, polo seu compromiso nas melloras no acceso aos medicamentos, son algúns dos exemplos de entidades privadas que foron galardoadas nesta convocatoria.

Previamente ao acto de entrega dos galardóns dos Premios “Ciudades Inteligentes” tivo lugar a celebración da XXII edición da Xornada Multimedia “La Era Digital”, na que o director de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, expuxo un relatorio para presentar o proxecto “Provincia Intelixente”, polo que foi premiada a institución.

A xornada multimedia con relatorios e mesas redondas e os Premios “Ciudades Inteligentes” nas diferentes categorías teñen como obxectivo recoñecer e difundir as accións e proxectos que realizan as Deputacións, os Concellos, as empresas tecnolóxicas e Entidades Sociais na implantación das tecnoloxías da Información e da comunicación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar