A Deputación de Ourense ultima o centenario da escritora Pura Vázquez

A Deputación de Ourense está a ultimar os actos conmemorativos do centenario da escritora e mestra Pura Vázquez, nacida en 1918 no barrio do Polvorín da capital ourensán. Así o confirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen afirma que este “é un recoñecemento da provincia de Ourense para quen deu todo da súa intelectualidade en favor da súa terra: docencia, creatividade e saberes culturais, que van máis aló das letras, pois Pura Vázquez era o sentimento feito palabra pola súa Ourense, a autora por excelencia da literatura para nenos e mozos na nosa lingua”, destaca o presidente Baltar.

A súa prolífica obra abrangue un total de 45 títulos de poesía, narrativa e teatro, “tendo sempre como orixe e meta o público infantil e xuvenil, ao cal dedicou a súa altura intelectual e docente, polo cal, neste sinalada efeméride, os 100 anos do seu nacemento, a Deputación de Ourense quere honrar a súa memoria”, afirma Manuel Baltar.

O goberno provincial está a planificar as diferentes actividades que se levarán a cabo para destacar o legado persoal e intelectual de Pura Vázquez, entre conferencias, actos de homenaxe e xornadas que analizarán en detalle os aspectos académicos, pedagóxicos e culturais da escritora ourensá.

Carmen Purificación Vázquez Iglesias, Pura Vázquez, naceu o 31 de marzo de 1918 e faleceu o 25 de xullo de 2006. Ela e a súa irmá, Dora, mestras ambas, foron pioneiras da literatura infantil e xuvenil, feito que a Deputación de Ourense recoñece desde fai dezaseis anos co premio que leva o nome das escritoras. A súa labor docente e literaria, brindándolle aos seus alumnos textos de poesía, narrativa e teatro, foi recollida en libros tan significativos como Rondas de Norte a Sur, poesía infantil (1968); Versos para nenos da aldea (1963), Monicreques (1974), e Teatro completo para nenos (2000).

Admirada por Cabanillas, Cela, Carmen Conde, Gerardo Diego, Celso Emilio Ferreiro ou Fernández del Riego, entre outros autores, Pura Vázquez foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega en 1949, a solicitude de Otero Pedrayo e outros intelectuais ourensáns. Desde moi nova publica os seus textos na prensa galega, sendo os primeiros no diario La Zarpa, que dirixía Basilio Álvarez. En 1943 publica o seu primeiro libro, Peregrino de amor, hoxe perdido, no que combinaba poemas en galego e castelán. Posteriormente, en 1944, a Deputación de Ourense publícalle a obra Márgenes veladas, o seu primeiro libro en castelán, e tamén será a institución provincial a que lle edite o seu derradeiro traballo, en 2004, Todo vén de esa luz, libro compartido coa súa irmá, Dora.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar