Santiago: Continuidade das sendas verdes do rio Sar

 

20/04/2018 A Xunta de Goberno acordou remitir ao Ministerio de Facenda o proxecto “Iniciativa urbana sostible de patrimonio natural e emprego”, para a súa inclusión na EDUSI e, xa que logo, o seu financiamento con fondos europeos FEDER. O programa está orzado en 360.000 euros e permitirá a contratación de 27 persoas desempregadas que acometerán os traballos de acondicionamento de novas sendas peonís, así como traballos de rehabilitación enerxética en inmobles municipais.

A “Iniciativa urbana sostible de patrimonio natural e emprego” é unha actuación que ten como obxectivo a contratación de persoas desempregadas para mellorar a súa formación e capacitación, ao tempo que realizan obras de interese social e natural que contribúan á rexeneración do municipio. O alcalde explicou que a contratación de 27 persoas terá un carácter temporal, durante 7 meses. Martiño Noriega apuntou que o programa prevé a realización de tres proxectos concretos: o acondicionamento da senda peonil do río Sar no tramo Viso-San Lázaro; o acondicionamento da senda peonil do río Sar no tramo Rocha-Vidán, e as obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais.

O proxecto suporá un gasto total de 360.000 euros, dos que 288.000 procederían de fondos europeos FEDER.

A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases de dúas convocatorias abertas de axudas no eido cultural. Unha das convocatorias vai dirixida a empresas, e conta cunha dotación de 100.000 euros; e a outra está pensada para entidades sen ánimo de lucro, e a partida será de 50.000 euros.

O alcalde salientou que “esta convocatoria aberta de subvencións para procesos e actividades culturais é un modelo novidoso, que pretende promocionar iniciativas do tecido cultural e fomentar o seu desenvolvemento autónomo”. As bases da convocatoria foron xa presentadas en encontros co sector cultural, nos que ten participado a propia concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar