O BNG defende ao deputado Luís Bará pola destrucción dunha foto do Rei no Parlamento

O BNG rexistrou un escrito ante a Mesa do Parlamento para que o órgano de dirección reconsidere o seu acordo do pasado 13 de abril polo que determina que a destrución dunha imaxe fotográfica do Xefe do Estado “é unha conduta digna de reproche e impropia” dun membro da Cámara, en relación a decisión do deputado nacionalista, Luís Bará, de rachar unha foto do Rei durante unha intervención de denuncia da involución democrática.

No escrito de reconsideración, o Bloque plantexa como “impugnable” dito acordo por entender que se adoptou “sen ningunha garantía nen respecto das propias previsións regulamentarias, sendo unha decisión totalmente arbitraria que afecta ademais ao dereito fundamental á liberdade de expresión recollido no Convenio Europeo de Dereitos Humanos”.

Igualmente, a formación nacionalista considera que a Mesa non é competente para adoptar decisións que afectan a cuestións disciplinarias xa que, nesa materia, o regulamento da Cámara ten un apartado concreto, “onde non se recollen facultades específicas da Mesa para emitir xuízos sobre o decoro ou a dignidade parlamentaria” que, de apreciarse, “terían que someterse aos procedementos previstos”.

De feito, afonda o escrito do BNG, o propio informe dos letrados do Parlamento “sitúa á Comisión do Estatuto como a competente para actuar”, pero a Mesa “obvia absolutamente” este informe “e emite unha decisión a posteriori dun acto que, segundo os propios letrados, debería terse adoptado na propia sesión”. Por tanto, conclúe, a decisión do órgano de goberno da Cámara “apartase das conclusións e dos argumentos dos servizos xurídicos”.

Polo tanto, alega a formación nacionalista, a decisión da Mesa “non se axusta a ningún proceder previsto no Regulamento” e recalca que a decisión foi adoptada despois de finalizado o pleno sen que este recibise o máis mínimo reproche pola súa intervención por parte da propia Mesa.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar