Medallas Castelao:Numerosas adhesións en Paradela a Xesús Mato

Xa son 700 as adhesións de particulares e colectivos que foron entregadas no Concello de Paradela, que os fixo chegar á vicepresidencia da Xunta de Galicia, para que figuren anexas á petición formulada polo Concello de que se conceda unha das medallas Castelao deste ano ao crego e musicólogo Xesús Mato Mato, Fillo Predilecto do seu concello natal.

O Concello de Paradela, a solicitude do Orfeón Lucense, coro da Catedral de Lugo do que Xesús Mato é Director Emérito, acordou por unanimidade solicitar este galardón para o distinguido paradelense, de 85 anos de idade, que foi o creador de Auxilia-Lugo, e orixinou o nacemento de Fuxan os ventos, entidade xa histórica na canción galega, que tomou o nome da canción (con letra e música de Mato), co que o colectivo gañou o festival das San Lucas o ano 1972.

Destas primeiras 700 adhesións, 647 son individuais e 53 corresponden a Colectivos, Institucións, Asociacións ou empresas, das que se acompaña relación no arquivo adxunto. No segundo arquivo figura un breve curriculum de Xesús Mato.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar