A Deputación de Ourense expón a sua experiencia no deporte acuático

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández, reuniuse no Pazo Provincial co secretario xeral e o coordinador da Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros, José María Agullana e Francisco Gómez, para analizar as potencialidades dos encoros e as repercusións económicas que a actividade hidroeléctrica supón para os concellos.

A provincia de Ourense conta con 43 concellos afectados por presas e encoros, dos cales 19 teñen centrais hidroeléctricas, sendo 23 o total de presas e encoros existentes na provincia. Para debater sobre a importancia do retorno económico que esta actividade hidroeléctrica ten para os concellos, Manuel Baltar confirmou que a Deputación de Ourense participará nas Primeiras xornadas técnicas sobre esta temática, que se desenvolverán en Badaxoz en xuño próximo, sendo o tema central do debate: “O encoro como motor económico do territorio”.

Manuel Baltar, que é vicepresidente da Federación de asociacións de concellos con encoros, afirma que unha parte dos beneficios económicos que xeran as empresas hidroeléctricas “teñen que reverter nos concellos e, polo tanto, nos veciños dos municipios, para que esas achegas económicas se convertan en mellora de servizos e infraestruturas”. Precisamente, o presidente provincial dixo que a Federación nacional de municipios con encoros “traballa nesa liña de cooperación para que os concellos poidan negociar mellor as condicións, co obxectivo de que se recoñezan os dereitos que teñen por acoller nos seus territorios este tipo de infraestruturas hidráulicas”.

Na xuntanza acordaron que a Deputación de Ourense participará nestas xornadas con relatorios técnicos, expoñendo as experiencias existentes ao respecto na provincia de Ourense, entre as que Manuel Baltar destacou a aposta do goberno provincial polo deporte náutico, aproveitando a idoneidade das augas da provincia de Ourense para practicar disciplinas deportivas como o remo ou o piragüismo, e salientou ao Cerlac, o Centro de Adestramento de Remo e Piragüismo situado en Laias, como “un referente para equipos e seleccións internacionais destas disciplinas deportivas, instalacións polas que pasaron xa as seleccións de España, Australia, Holanda, Bielorrusia, Ucraína, e equipos que virán, como México, China ou Francia, para realizar aquí os seus períodos preparatorios”.

O obxectivo das xornadas técnicas de Badaxoz é impulsar as políticas sociais e económicas dos territorios rurais que se atopan arredor dos embalses, aproveitando a existencia destes para impulsar políticas de desenvolvemento, tanto na área lúdica e deportiva como no ámbito turístico ou gastronómico. O programa das xornadas incluirá tamén experiencias e workshops entre empresas dedicadas ao turismo rural e a deportes de aventura, así como debates sobre a lexislación ambiental das diferentes comunidades autónomas e a necesidade de harmonizar a mesma.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar