Ourense: Premios “Rodolfo Prada” á xestión cultural

 O xurado do Premio ““Rodolfo Prada” á xestión cultural 2018 reuniuse no Pazo Provincial para avaliar as candidaturas presentadas e elixir os proxectos galardoados nas tres modalidades do certame. Así, o premio para profesionais da xestión cultural foi para o proxecto “Fálame de san Sadurniño”, presentado por Carmen Suárez Nieto; o premio a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para o proxecto “Festival Arteficial”, presentado pola Asociación Cultural Ecolóxico Educativa Arteficial; e o premio a proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural foi para o proxecto “Unitaria”, presentado pola Asociación “Amigos, si, pero a vaquiña polo que vale”.

Os galardóns deste premio, instaurado pola Deputación de Ourense para destacar a figura deste insigne ourensán, impulsor do movemento político-cultural máis importante da galeguidade en América, serán entregados o sábado 5 de maio, no marco da celebración da “Ourense ICC Week”.

O xurado estivo integrado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, en calidade de presidente; e como vogais, por parte da Asociación Galega de Xestores Culturais: Alberto García Sánchez, Cristina Rodríguez Labandeira e Carlos Lorenzo Pérez; por parte da Deputación de Ourense: Luís González Tosar, Antonio Piñeiro, Juan Rivas e Manuel Araujo; e por parte da Asociación Rodolfo Prada, Francisco González.

A Deputación de Ourense, a través deste galardón, que ten como obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega, destina un total de 6.000 euros en premios. Deste modo, na modalidade dirixida a profesionais da xestión cultural, o premio consiste no financiamento dunha bolsa para a participación nalgunha acción formativa sobre xestión cultural no marco do programa “Europa Creativa” ou de calquera outra entidade cultural que resulte de interese para o premiado, cunha contía máxima de 1.000 euros.

Na modalidade dirixida a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, o premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promova a asociación galardoada, cunha contía máxima de 2.000 euros.

E, por último, na modalidade dirixida a proxectos culturais vinculados á AGPXC, o premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promovan as persoas responsables do proxecto gañador, cunha contía máxima de 3.000 euros. Asemade, tódolos premios irán acompañados, nas tres modalidades, cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns, así como dun diploma acreditativo.

Biografía

Rodolfo Prada, nado nos Peares en 1892 e finado en Bos Aires en 1980, foi o gran valedor de Castelao na Arxentina e seu albacea testamentario, ademais dun referente do galeguismo e o artífice de unir as asociacións de emigrantes que había daquela en Bos Aires: os centros orensano, pontevedrés, lucense e coruñés; e destacou pola súa implicación co Partido Galeguista e, previamente, a súa afiliación ás Irmandades da Fala, en 1917.

Xunto con Julio Dávila e Luís López fundou en 1919 a Asociación Protectora da Real Academia Galega e desempeñou a súa secretaría, polo que foi nomeado correspondente da corporación galega. A partir de 1920, cando resultou elixido secretario da Casa de Galicia, converteuse nun activo propulsor da galeguidade. Nese mesmo ano creou e dirixiu a revista “Acción Gallega” e o ateneo de Cultura Galega. Pouco despois, en 1924, foi redactor xefe e copropietario de El Correo de Galicia. En 1932 participou na fundación da Organización Nacionalista Republicana Gallega, que chegou a presidir entre 1936 e 1937, e ao ano seguinte foi nomeado presidente do Centro Gallego de Bos Aires. Como membro do Centro Orensano dirixiu o seu órgano periodístico, El Orensano, e posteriormente Opinión Gallega, e conseguiu a publicación de Sempre en Galicia, de Castelao. Entre as conferencias que pronunciou destaca Encol da nosa Galiza (Montevideo, 1935) e Antolín Faraldo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar