Carmen Avendaño, presidenta de Érguete, explica na TVG o labor contra o narcotráfico

A entrevista íntegra na TVG, AQUÍ

O programa Bos Días da Televisión de Galicia recibiu hoxe a Carmen Avendaño, presidenta da Asociación Érguete e a cara máis visible da loita contra as drogas nos anos 80 e 90 en Galicia. A entrevista con Marcos Sueiro, redactor xefe da TVG, xirou arredor da actualidade do narcotráfico en Galicia e do labor de concienciación de Érguete ao longo dos anos. Avendaño sinalou que “a droga segue existindo, pero conseguimos que estea moito máis controlada”. Explicou que a meirande parte da droga que agora entra por Galicia chega de Andalucía “pola menor presión social” e viaxa por Portugal cara ao norte.

Avendaño falou das últimas novas sobre os narcotraficantes galegos, como a recente agresión dos Charlíns aos xornalistas. Declarou que era a primeira vez que vira unha acción de violencia contra os xornalistas e explicou que “na nosa asociación nunca tiveramos problemas dese tipo, ”xa que “publicamente non eran violentos”. Ante a posta en liberdade dalgúns dos narcotraficantes máis coñecidos, a presidenta de Érguete afirmou que sempre defenderan a xustiza equitativa e as segundas oportunidades, pero tamén que “ten moitas dúbidas sobre a súa reinserción” e que na súa opinión “nunca abandonarían o negocio” porque “é difícil renunciar ao diñeiro fácil”. Deste xeito, sinalou que “seguen na mesma dinámica e Érguete ten que estar aí para dicir o que está ocorrendo”.

A fundadora da asociación Érguete falou das perspectivas actuais da asociación, sinalando que “as políticas preventivas son a base primordial” e explicou que agora hai máis conciencia social e que “Galicia se converteu na imaxe da loita contra a droga”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar