TVG: A “slow tv” volve con “Destino Santiago”

Tras o éxito da primeira experiencia de televisión “slow tv” ou “TVG amodiño” de España desenvolvida pola CRTVG o ano pasado co programa “Destino Santiago”, os medios públicos galegos volven apostar pola tecnoloxía e o esforzo humano coa próxima tempada do espazo, que ten como principal protagonista o Camiño de Santiago e dous peregrinos que realizan o percorrido diante das cámaras.

Cada día de programa, nesta edición composta por 16 xornadas de peregrinación do Bierzo a Fisterra, supón a emisión en tempo real durante dez horas ininterrompidas e transmedia, en streaming pola web da CRTVG e a través de todos os soportes dos medios públicos (TVG, Radio Galega, web e redes sociais).

Cada etapa poderase seguir en vivo online ata ás 20.00 horas. Na primeira canle da Televisión de Galicia achegarase cada día información e pola tvG2 poderán seguirse as aventuras dos protagonistas tamén diariamente. A cobertura incluirá programas especiais na fin de semana e conexións nos distintos programas de televisión e radio. Este proxecto de “slow tv” ou “TVG amodiño” completarase cunha páxina web propia do programa, www.destinosantiagotvg.gal, e nas redes sociais coa conta @Destinostgo e co cancelo #destinoSTGO.

“Destino Santiago” terá como punto de partida Vilafranca do Bierzo, localidade coñecida como a pequena Compostela. Serán 16 días de traxecto, en que o equipo do programa accederá a Galicia polo Cebreiro, pasará por Portomarín e Arzúa, visitará o Apóstolo, coñecerá Muxía e continuará polo camiño das estrelas ata rematar en Fisterra, lugar de gran simbolismo e fin do mundo coñecido no medievo. Despois trasladaranse a Compostela onde, o mesmo día 13 de maio, a TVG ofrecerá un programa especial (20.00 horas) con concerto incluído, desde o Hostal dos Reis Católicos.

Numerosas caras populares para a audiencia da CRTVG compartirán tramos do Camiño cos dous novos aventureiros de “Destino Santiago”, cuxas identidades se irán desvelando nos vindeiros días nas redes sociais

Os medios públicos galegos foron o ano pasado os primeiros en introducir en España e culminar con éxito a coñecida como “slow tv”, ou, na súa versión galega, “televisión amodiño”, un concepto implantado pola canle pública norueguesa NRK en 2009 que naceu da retransmisión dunha viaxe en tren polo país nórdico. A primeira edición de “Destino Santiago”, co traxecto de Roncesvalles a Compostela na primavera de 2017, acadou cen millóns de visualizacións en Twitter e 2,8 millóns de interaccións desde 30 países nesta rede social. “Destino Santiago” está producido por Starplanning para a Televisión de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar