Afundacion celebrará o Ano Europeo do Patrimonio Cultural

Afundación, a Obra Social de ABANCA, inicia a primavera sumándose á celebración do 2018 como Ano Europeo do Patrimonio Cultural cunha programación especial de actividades. Tomando como base as súas exposicións en Ferrol e Pontevedra, que recollen parte do Patrimonio Inmaterial de Galicia, realizaranse visitas comentadas para grupos, visitas para familias e obradoiros infantís co propósito de contribuír á conservación, difusión e mantemento deste patrimonio.

Na Sede Afundación de Ferrol (praza da Constitución, s/n), onde se pode visitar actualmente a exposición fotográfica «Oficios entre lusco e fusco», obra de Xosé Abad, realizaranse visitas e obradoiros de xoguetes tradicionais dirixidos a nenos de entre 4 e 8 anos. Será os venres 27 de abril e 4 de maio, ás 17.00 h, e é preciso inscribirse previamente.

Ademais, realizaranse visitas comentadas de libre acceso baixo o título «Oficios entre lusco e fusco. Os oficios tradicionais na historia de Ferrol». Serán os xoves 19 e 26 de abril e o 3 de maio, a partir das 19.30 h.

ACTIVIDADES «UNHA MIRADA DE ANTANO. FOTOGRAFÍAS DE RUTH MATILDA ANDERSON EN GALICIA» EN PONTEVEDRA

O Café Moderno Afundación de Pontevedra (praza de San José, 3), onde na actualidade se pode visitar a exposición «Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia», albergará visitas comentadas de libre acceso o mércores 18 e o venres 20 de abril, a partir das 19.30 h.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar