A Área de Santiago renova o plan de transporte metropolitano

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou na Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago, que acordou por unanimidade a renovación do Plan para o ano 2019, cun orzamento autonómico de máis de 1,3 millóns de euros.

Vázquez Mourelle explicou que o Goberno galego financia o 80% dos descontos, ao que hai que sumar o investimento preciso para financiar a Tarxeta Xente Nova, que fai gratuítas as viaxes aos menores de 19 anos. Os 18 municipios que conforman a área completarán o financiamento cunha partida de 282.000 € en 2019.

Destacou que esta prórroga garante a continuidade, un ano máis, dun plan social que lle permite aos usuarios descontos no billete de ata o 70%, e que lles pode supoñer un aforro anual de ata 900 euros aos usuarios frecuentes.

Trátase dunha iniciativa moi importante, porque supón aforros significativos para as familias, tamén fomenta o uso do transporte público e axuda a aliviar o tráfico na cidade, contribuíndo á redución de emisións e á preservación do medio ambiente.

A titular de Infraestruturas subliñou que o pasado ano, o Plan rexistrou na área de Santiago máis de 2,7 millóns de viaxes, a través dun sistema de billete único e da coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano. Distribuíronse 83.200 tarxetas metropolitanas, arredor dun 20% do total de Galicia, ademais do 21% das tarxetas Xente Nova, 9.000 dispositivos, facendo gratuíta a mobilidade para a mocidade; inculcando nas novas xeracións o uso do transporte público e contribuíndo á economía das familias.

Plan de Transporte Público de Galicia

A Xunta tamén aproveitou esta Comisión de Seguimento do Plan de transporte metropolitano para abordar conxuntamente as melloras do transporte público na área de cara a 2019. Así, a conselleira avanzoulles aos municipios que este mes se someterá a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia para acadar en 2019 un servizo máis moderno e acorde ás necesidades reais dos galegos.

Con este trámite de información pública ábrese o primeiro dos dous procesos de participación pública nos que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer as súas achegas.

Ethel Vázquez salientou que esta Comisión de seguimento é o mellor espazo para comezar a abordar dun xeito conxunto as necesidades de planificación futura do transporte público da área de Santiago de cara á necesaria e obrigada reformulación do mapa de transportes no ano 2019.

Indicou que con traballo conxunto, con colaboración e con achegas construtivas poderase planificar un sistema de transporte público por estrada que suporá melloras substanciais no servizo, maior cobertura e tamén un transporte máis adaptado ás necesidades dos veciños da área de Santiago.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar