O PPdeG, satisfeito pola sua aportación á convención de Sevilla

 

Respecto da Convención Nacional celebrada polo Partido Popular esta fin de semana en Sevilla, Puy afirmou que “en liñas xerais o balance é satisfactorio desde o punto de vista galego, xa que o PPdeG tivo moita presencia na formulación de ideas nos ámbitos económico, educativo e social”.

“Os nosos resultados avalían que o PPdeG ten capacidade de explicar como está a actuar, e fíxoo a través de diferentes persoas: ademais do Presidente Feijóo, tamén interviñeron a comisionada para o Reto Demográfico, Edelmira Barreira; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; ou os presidentes nacional e autonómico de Novas Xeracións, Diego Gago e Adrián Pardo”, concretou.

 

INICIATIVAS PLENO

 

O Grupo Popular demandará no Pleno desta semana que a Xunta poida defender os dereitos das mulleres e exercer a acción penal nos xuízos por delitos de discriminación derivada ou por razón de maternidade. Así mesmo, demandará que se fortaleza o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, así como elaborar un programa de colaboracións cos centros de estudos xacobeos de cara á celebración do Xacobeo 2021.

O portavoz popular Pedro Puy fixo un repaso polas proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria desta semana. En concreto, explicou que un dos obxectivos destas iniciativas é que a Xunta “poida perseguir os delitos que as empresas poidan cometer contra unha muller por discriminación por maternidade”.

Puy referiuse á preparación do vindeiro Xacobeo 2021 e neste ámbito salientou a designación de Cecilia Pereira como comisaria deste evento e a recente declaración polo Goberno central como acontecemento de excepcional interese público, con todas as desgravacións fiscais que esta distinción supón.

Neste ámbito, o Grupo Popular solicitará no Pleno que se fortaleza o Comité Internacional de Expertos do  Camiño de Santiago, así como elaborar un programa de colaboracións cos centros de estudos xacobeos, de xeito que se configure como un lugar de encontro, de estudo e de investigación diverso e plurinacional que propicie o desenvolvemento de proxectos de coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago.

Pedro Puy tamén sinalou que o Pleno debaterá unha proposición non de lei conxunta dos catro grupos parlamentarios, que recolle a proposta formulada pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), a través da que se manifesta o apoio ao manifesto para a flexibilización da obriga de desembarque das capturas realizadas pola flota da Unión Europea.

 

COMISIÓN POLÍTICA FORESTAL

 

Por outra banda, Pedro Puy amosou a vontade do Grupo Popular “para chegar a acordos nas conclusión da Comisión de Estudo sobre a política forestal”, que a semana pasada rematou a fase de comparecencias coa presenza de 62 das 65 persoas convocadas.

O portavoz popular explicou que nestes momentos estase ultimando a recepción da documentación solicitada e posteriormente procederase á elaboración das conclusións, que considerou debe ser “unha labor conxunta porque no fondo e fundamental todas as formacións políticas deberían estar de acordo na ordenación do territorio forestal e na loita contra os incendios”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar